Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG afirma que a depuradora non ten capacidade para atender as necesidades de Burela e demandan do Concello e da Xunta a urxencia de dotar a Burela dunha nova EDAR

Burela, 5 de maio de 2018. O BNG urxe a adoptar solucións ante as deficiencias que se veñen producindo no funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR). O portavoz do BNG, Mario Pillado, sinalou que “os veciños e veciñas de Burela temos que soportar cheiros insoportables e constantes desbordamentos na rede de sumidoiros do porto á altura de Castrelo, mentres pagamos, xunto co concello de Cervo, a auga mais cara de Galiza”. Os nacionalistas alertaron de que o proceso de depuración das augas residuais semella non ser suficiente en termos medioambientais, como se desprende da calidade das augas receptoras. “A praia do Portelo perdeu en 2017 a bandeira azul e a praia do Perdouro desapareceu definitivamente do censo oficial de zonas de baño, segundo se desprende dun informe da Consellaría de Sanidade. Mentres tanto, a Xunta de Galiza non realizou ningunha inversión para o tratamento de augas residuais e desde o Concello, o goberno do PSOE non fai máis que anunciar unha nova EDAR que sabe que non se vai facer mentres non se comprometa unha partida orzamentaria por parte do goberno galego”, engadiu Pillado.

O Concello de Burela queda fóra dos investimentos da Xunta ante a pasividade do Sr. Llano.
O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, sinalou que “mentres outros alcaldes mostraron en distintas ocasións o seu malestar pola discriminación do goberno da Xunta, o Sr. Llano fai como se non pasara nada e dedícase a anunciar actuacións que non se materializan pola falta de compromiso da Xunta de Galiza”. Pillado criticou que “o Sr. Llano leva 3 anos de anuncios sen que a día de hoxe se concretara ningunha actuación por parte do Goberno Galego”. “Se en 2016 “cría” que a nova EDAR podería estar lista para finais de 2017, e en 2017 “agardaba” que se procedese á limpeza do terreo no que se ubicará a depuradora, este ano anuncia que a nova EDAR podería estar lista en 2020. Levamos tres anos de anuncios e aínda seguimos cunha depuradora do S. XX e que non é capaz de cubrir as necesidades da Burela de hoxe” concluíu Pillado.

Exit mobile version