Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz estará este sábado ás 12h na Praza de Galiza recollendo sinaturas para solicitar a retirada do mastro do edificio da Telefónica

Foz, 11 de maio de 2018. O BNG de Foz volverá a poñer este sábado ás 12 da mañá na Praza de Galicia unha mesa para recoller sinaturas para reclamar a retirada do mastro situado no tellado do edificio da Telefónica e das dúas antenas que aínda están adosadas a el.

Reclaman tamén no prego de sinaturas que nunca máis se instalen nese punto, xusto ao lado dun Colexio Público, antenas de telefonía móbil ou calquera outro aparello que poda poñer en perigo a saúde dos membros da comunidade educativa e das veciñas e veciños. Asimesmo, esixen o cumprimento do acordo plenario unánime de retirada do mastro e de non concesión de licencia de actividade para o funcionamento das antenas.

O responsable local, Francisco Xavier Fanego, anuncia que tamén o próximo martes, día 15 de maio, a partir das 11 da mañá, se instalará a mesa para recoller sinaturas no mercado. Recorda tamén Fanego que todas as persoas interesadas en adherirse a esta petición e que non poidan pasarse polas mesas, teñen á súa disposición pregos de sinaturas no local do BNG en horario de mañá.

Faise difícil de entender que despois de varias sentencias xudiciais, de numerosas preguntas e mocións no Pleno, o mastro e dúas antenas aínda sigan no mesmo sitio. A pasividade do goberno local diante desta situación non ten xustificación, pero se as autoridades non fan nada, tócalle aos veciños e veciñas defender o seu dereito á saúde. Chama a atención tamén o deterioro do edificio de Telefónica, con cañerías completamente oxidadas e rotas pola súa base , botando auga pola beirarrúa os días de chuvia , sen que ninguén lle esixa á empresa que as repare .

Exit mobile version