Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Lourenzá preguntou no último pleno polas continuadas ausencias do segundo tenente de alcaldía ás xuntas de goberno local

Lourenzá, 30 de maio de 2018. O Bloque Nacionalista Galego en Lourenzá levou ao último pleno municipal a súa preocupación polas continuas ausencias do tenente de alcaldía ás Xuntas de Goberno Local, órgano de goberno no que se deciden a maioría de cuestións de importancia para as veciñas e veciños.
Para o portavoz municipal nacionalista, Anxo Fernández, “o máis grave non é só que unha persoa do goberno falte sistematicamente ás reunións onde se toman as decisións para o Concello de Lourenzá, senón que esa persoa estea cobrando por adicarlle ao Concello 30 horas ao mes e, aínda así, falle nas súas obrigas como membro do goberno.”

Esta é a segunda ocasión na que a formación nacionalista leva esta cuestión a pleno, tras ter comprobado que a versión ofrecida polas actas das sesións de Xunta de Goberno aprobadas polas persoas que a compoñen, e a resposta dada oralmente polo afectado no pleno anterior non coincidían.

“Hai dous plenos, o segundo tenente de alcaldía aseguraba que só deixara de asistir a dúas Xuntas de Goberno, mentres que nas actas podemos ver a súa ausencia ata en sete ocasións”, explica Fernández.

“Pedimos que nos aclaren que está pasando. Quen está mentindo ou quen está faltando á súas obrigas con este Concello. E as explicacións non nolas teñen que dar a nós, senón ás veciñas e veciños que pagan mensualmente un salario a unha persoa que non cumpre cos mínimos requiridos para o cargo para o que foi escollido”, conclúen.

Exit mobile version