“A desorganización é tal, que hai unhas semanas esas mesmas empresas, que nalgúns casos prestan outros servizos ao Concello con un notable custo, comezaban a limpar os paseos marítimos a cachos, sen nin sequera recoller os restos, e agora atópanse limpando beirarrúas”, explican desde o BNG. “Non acaban un traballo para comezar outro, están saltando de sitio en sitio en función de quen proteste ou dos avisos que haxa. Iso o que demostra son dúas cousas: unha, o descoñecemento por parte do goberno municipal das necesidades reais deste concello. E outra, a incapacidade para xestionar os medios cos que conta.”
Para o Bloque Nacionalista Galego este tipo de actitudes só logran trasladar unha imaxe nefasta de Barreiros: “por ter todo a medio facer: desbroces, baixadas ás praias sen arranxar, escombros tirados á beira dos contedores de lixo sen recollelos durante semanas, que ven a sumarse á falla de planificación dos traballos por parte do goberno.”
“A pesar de que recentemente o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, aseguraba que podía rebaixar as partidas dedicadas a desbroces e limpeza porque grazas a unha mellor organización se podían facer con medios propios; a realidade é que volvemos a asistir ao malgasto do diñeiro sen ningún tipo de planificación”, afirma Ana Ermida. “Outra vez o goberno municipal está incorrendo en gastos que non poderá afrontar e seguirá facendo o burato económico que cada día é maior a consecuencia da incapacidade de Alfonso Fuente e o seu equipo para xestionar este Concello.”
“A imaxe que se vende de Barreiros non son só palabras bonitas ou fotos visitando obras. A imaxe real é a que ven todos os días as veciñas e veciños, que ven como os cartos de todas e todos se están utilizando en contratar a empresas privadas para facer traballos que, de haber organización por parte do goberno, poderían facerse con persoal municipal”, conclúen desde o BNG.