Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo editou máis de 2000 folletos informativos sobre o centro de día residencia que chegarán a cada un dos fogares do municipio

Cervo, 30 de maio de 2018.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, informaron que no día de hoxe “comezamos a enviar folletos informativos sobre o Centro de Día Residencia a cada un dos fogares do noso municipio a raíz da inminente posta en marcha deste novo servizo tan importante para a nosa veciñanza”.
Por medio desta publicación, tal e como explicou Villares, “pretendemos que os cervenses e as cervenses, que terán prioridade de acceso a este servizo, coñezan de primeira man o procedemento a seguir, que saiban que a partir do 14 de xuño e ata o 29 do mesmo mes, as persoas maiores ou en situación de dependencia e as familias interesadas, poden presentar a súa preinscrición no Rexistro do Concello; logo desa data farase unha valoración incial das solicitudes, e o listado de demandantes irase actualizando con carácter semanal”.
Os días 11, 12 e 13 de xuño, tal e como se recolle tamén na publicación explicativa, haberá xornadas de portas abertas para que os potenciais usuarios e as familias poidan coñecer, in situ, as instalacións. As instalacións permanecerán abertas e eses días en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 20:00 horas. Así mesmo, tamén se recolle un teléfono de contacto para que as persoas interesadas poidan resolver dúbidas da man do persoal de Servizos Sociais do Concello.
O folleto, do que se editaron máis de 2000 exemplares, ofrece á veciñanza, ademais, un primeiro contacto visual coas instalacións do Centro, que dispón de 54 prazas de residencia e 25 de centro día. Conta con cociña integrada con menú personalizado en función das necesidades do usuario, lavandería, sala de rehabilitación, enfermería, baños individuais adaptados, bañeiras xeriátricas…; e ofrece servizo de rehabilitación funcional, terapia ocupacional, estimulación cognitiva, atención médica e de enfermería, así como atención sociosanitaria preventiva.
O alcalde sinalou que estamos nun momento importante para o noso Concello “porque nas vindeiras semanas seremos testemuñas da posta en funcionamento deste servizo pensado para o noso presente, pero tamén para o noso futuro”.

Exit mobile version