O edil nacionalista anunciou que “o Concello vai acometer un proceso de revalorización do cemiterio municipal do mesmo xeito que se fai con estes recintos en moitas vilas e cidades. E así imos editar un pequeno folleto indicativo dalgunhas das personalidades que nel están soterradas, como mostra de lembranza e homenaxe, e deste xeito satisfacer unha demanda de moita xente tanto ribadense como foránea, que nos dicían que porque non facíamos unha cousa así”.
O concelleiro de Cemiterios explicou que “imos comezar cunha cousa aberta e sinxela, pero creo que interesante. Esta publicación facilita información sobre o proxecto, a capela e outras circunstancias desta obra patrocinada polos irmáns Moreno Ulloa”.
Díaz Freije engadiu que “con este motivo se reitera o chamamento que se fixo para que os propietarios de tumbas, nichos e mausoleos manteñan estas propiedade en boas condicións de conservación e ornato, non só porque é unha obriga senón por tratarse da memoria propia e a de todos. Desde o Concello levamos xa uns días con varios traballos, arranxando beirarrúas e algún nicho que quedou en mans nosas xa o melloramos”.
Jorge Díaz sinalou sobre esa publicación que “vai ser moi sinxela, moi modesta e moi aberta. Será presentada en breve prazo nos próximos días. Esperemos que guste e que siga no tempo, e que todas esas familias e toda esa xente que se involucrou por Ribadeo sexa un xesto máis de agradecer todo ese esforzo para o Concello”.