Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo publicou as bases para a contratación das 23 persoas que traballarán nos areais durante o verán. Son 20 socorristas e 3 técnicos sanitarios

Ribadeo, 31 de maio de 2018. O Concello fixo públicas as bases para proceder á contratación das 23 persoas, socorristas e técnicos sanitarios, que traballarán nos areais ribadenses ao longo do verán.
Unha das convocatorias, con cargo aos fondos municipais, é para contratar a un xefe de equipo de socorrismo acuático a xornada completa, 10 socorristas a xornada completa e 2 a media xornada, que traballarán do 15 de xuño ao 21 de setembro. As funcións obxecto do contrato serán as previstas para os socorristas en praias. Os salarios oscilan entre os 650 euros/mensuais brutos para as medias xornadas, os 1.300 euros/brutos mensuais para as xornadas completas e os 1.500 euros/mensuais brutos do xefe de equipo.
A outra convocatoria, que estará subvencionada pola Xunta de Galicia, é para contratar a 7 socorristas acuáticos do 1 de xullo ao 31 de agosto. O salario e os requisitos que se esixen son os mesmos que o persoal que será contratado directamente polo Concello.
As persoas que opten a estes postos deben estar en posesión do título oficial de socorrista acuático coa licenza anual renovada. E para exercer as funcións de xefe de equipo/coordinador deberá ademais contar co título de patrón de embarcacións deportivas. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata as 14 horas do vindeiro 7 de xuño. E as probas de selección serán o 13 de xuño.
E finalmente foron 15 as persoas que se presentaron para optar á contratación de 2 técnicos sanitarios de emerxencias a xornada completa e 1 a media xornada. A proba de selección neste caso será o 6 de xuño. O prazo de presentación de solicitudes pechouse hai dous días.
A concelleira de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño, Paz Ermida, explicou que “as praias nas que queremos contar con socorristas son: As Catedrais, Esteiro, As Illas, Os Castros e Os Bloques. A tempada arrincará antes nas Catedrais, Illas e Castros, debido aos galardóns que teñen e despois, en xullo e agosto, se establecerá o servizo nas outras tamén. É dicir cando dispoñamos dos que nos deu a Xunta (7 socorristas durante 2 meses) para reforzar o servizo”.
Ermida engade: “agardamos non ter os problemas de anos anteriores cos da Xunta, pois ten que ser persoal apuntado na oficina de emprego, e sempre nos pasa que socorristas con estes condicionantes entran na convocatoria a cargo do Concello ao preferir unha duración maior de contrato e non damos xuntado logo os que nos da a Xunta ao non haber suficiente xente dispoñible”.

Exit mobile version