Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello ofrecerá recepcións ao Pescados Rubén FS pola consecución da Copa Galicia e á SD Burela polo seu ascenso

Burela, 2 de maio de 2018. O Concello organizará recepcións ao Pescados Rubén FS, que onte se proclamou campión da Copa Galicia, e ao SD Burela polo seu ascenso a 1ª Galicia.
O alcalde, Alfredo Llano, declarou: “en nome de todos os veciños, como alcalde de Burela, podo dicir a satisfacción enorme de que o noso fútbol gañase un ascenso moi merecido. O outro día xogaron contra o Ourol e foi un partido interesantísimo onde se culminou coa intención clara que se tiña desde o Burela de ascender de categoría”.
O rexedor engadiu: “primeiro darlles os parabéns, e en segundo lugar desexarlles que na nova etapa se vaia consolidando o mellor do club e un bo equipo para Burela que siga ascendendo e dando alegrías á afección. Estamos moi contentos e imos recibilos no Concello, xa marcaremos unha data”.
Llano subliñou que “hai outro evento que tamén é moi de agradecer, que é a conquista da Copa Galicia que logrou o Burela Fútbol Sala. Estamos moi contentos con esta fazaña deste equipo que ultimamente está dando moitas alegrías á afección, como a súa posición na táboa para xogar o play-off para ascender a Primeira División, e gañando ao mesmo tempo títulos que son moi interesantes o que lle dan unha categoría extraordinaria a este club e de rebote ao noso concello, a Burela”.
O alcalde dixo que “tamén os imos recibir no Concello en breve para darlles os parabéns dun xeito oficial e animalos a que sigan así durante moito tempo”.

Exit mobile version