Site icon Crónica3.com A Mariña

O Fútbol Gaélico chega á Mariña o vindeiro sábado, 5 de maio

Barreiros 2-5-18. A Asociación Galega de Fútbol Gaélico organiza para este sábado 5 de maio unha xornada de iniciación ao deporte número un de Irlanda. As actividades terán lugar na parroquia barreirense de San Miguel de Reinante e están dirixidas a homes e mulleres, maiores de dezaseis anos, con ou sen experiencia deportiva previa.

Ás 12 do mediodía, nos Colexios vellos, terá lugar unha charla informativa para todas aquelas persoas que se queiran achegar a este deporte desde un punto de vista máis teórico, cunhas nocións básicas sobre a súa normativa e unha perspectiva histórica a nivel internacional e galego.

Será contra as 16,30 cando chegue o prato forte: un adestramento aberto no campo das Valgas, ao que poderá participar calquera persoa, independentemente de ter asistido ou non á charla da mañá. Será a oportunidade de probar en carne propia as sensacións dun deporte dinámico e divertido, que dende a súa penetración nas fronteiras galegas, alá polo ano 2011, non deixa de medrar. E como non pode ser doutra xeito, tralo adestramento chegará o terceiro tempo, no que todos/as participantes poderán compartir as súas impresións mentras comparten uns petiscos.

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico, conta coa colaboración para esta actividade do Iberia CF e do CC Ollomao, e anima encarecidamente a todas as persoas da Mariña a participar neste achegamento ao Fútbol Gaélico. Seguro que non se arrepentirán.

Exit mobile version