Site icon Crónica3.com A Mariña

O GALP A Mariña-Ortegal recibe a visita dos membros do proxecto europeo “Road Trip”

Viveiro 29-5-18. Este martes, día 29 recibimos no noso territorio a visita de 5 rapaces que participan no proxecto europeo “Road Trip”.
A Comisión Europea quere ofrecer aos rapaces europeos unha nova oportunidade de vivir en primeira persoa o que a Unión Europea representa e fai sobre o terreo. O proxecto “Road Trip” é, ante todo, unha aventura humana: millennials de diferentes orixes embárcanse nunha viaxe por toda Europa e exploran por si mesmos unha serie de proxectos e iniciativas posibles grazas á UE. Este proxecto ten por obxecto concienciar e xerar participación en relación coas accións da UE nas diferentes rexións; outro obxectivo clave é crear e fomentar unha comunidade virtual (unha canle de comunicación ascendente en mans dos millennials) e entablar un verdadeiro diálogo sobre temas europeos que reflictan os seus intereses, preocupacións e expectativas. Os canais de comunicación son:
Facebook: https://www.facebook.com/EUinmyregion/
Plataforma web: https://roadtriproject.eu/
Instagram: https://www.instagram.com/euinmyregion/
En resumo, trátase de 4 equipos formados por dous rapaces cada un, que se embarcan nunha viaxe por estradas europeas coa súa propia versión de furgoneta con paradas libres.
Ao longo do camiño, uns lugareños acompañan aos viaxeiros durante medio día e amósanlles a vida e as paisaxes locais. Os viaxeiros atravesan o continente, dende a costa mediterránea ata o mar Báltico, xunto ao Océano Atlántico e ao longo do Danubio. Concretamente, á nosa zona chegaron dous destes rapaces, acompañados por tres persoas que gravaban a visita; eran de orixe holandés, belga e lituano. Foron recibidos e acompañados durante toda a visita polo Presidente e Xerente do GALP A Mariña-Ortegal, e iniciaron a súa ruta cunha visita interactiva a Conservas Currimar, na que puideron participar activamente nunha experiencia simulada de procesado e envasado de bonito, seguindo as indicacións de Nieves e Águeda; a visita rematou cunha degustación dos produtos elaborados artesanalmente por esta empresa.
A continuación, puideron coñecer a lonxa de Burela e o seu funcionamento, da man de Xusto; así mesmo puideron ver varias especies de peixes e mariscos (robaliza, centola…).
Rematamos a xornada coa visita ao proxecto Restaurante-Marisquería A Marquesa, que foi financiado polo GALP, onde puidemos degustar unha comida a base de produtos pesqueiros locais, antes de que seguiran ruta cara a Santander, onde tiñan programadas visitas para mañá.
As imaxes e vídeos da xornada de hoxe, poderanse ver a partir do domingo nos enlaces indicados anteriormente.
Dende o GALP A Mariña-Ortegal agradecemos á Comisión Europea a selección do noso territorio e a inclusión dunha das iniciativas financiadas polo noso Grupo neste proxecto europeo e sobre todo, agradecemos enormemente a boa acollida e a colaboración de Nieves, Águeda, Xusto, e Matías (Restaurante-Marisquería A Marquesa).

Exit mobile version