Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade parabeniza á Escola de Idiomas de Viveiro pola feminización do seu nome atendendo á chamada da campaña #NomearmosEnLila

A Mariña 14-5-18. Despois de ser coñecedoras no mes de novembro das iniciativas de cambio de nome de centros escolares da Mariña, desde o Observatorio botamos a andar a campaña #NomearmosEnLila.

Buscamos con ela corrixir o desequilibrio actual na escolla de nomes femininos e masculinos en edificios, rueiros, asociacións, fundacións ou centros escolares. Entendemos que é de xustiza visibilizar a participación das mulleres na sociedade da que formamos parte.

Atendendo á proposta suscitada polo Observatorio no seo de #NomearmosEnLila, a Escola de Idiomas de Viveiro tivo a ben feminizar o seu nome escollendo a figura da escritora mariñá Luz Pozo Garza. Desde o Observatorio parabenizamos e felicitamos á Comunidade Educativa da EOI de Viveiro pois consideramos que están a exercer con responsabilidade a obriga de ofrecer unha educación integral ao alumnado do centro.

Consideramos o paso dado pola EOI de Viveiro, agora EOI de Viveiro Luz Pozo Garza, como un magnífico exemplo para outras institucións académicas e Escolas de Idiomas do país e que sitúa á EOI de Viveiro na vangarda do feminismo na educación, guiando á xente moza nos camiños da igualdade real entre mulleres e homes.

Queremos dárlle o valor ao feito de tratarse da primeira Escola de Idiomas do país con nome de muller pero sabemos que aínda queda moito por facer: entre 46 centros de ensino públicos existentes, A Mariña conta agora con tan só dous centros educativos con nome de muller.

Despois desta acollida, con azos renovados seguiremos traballando na campaña #NomearmosEnLila.

Exit mobile version