Site icon Crónica3.com A Mariña

O pavillón da Veiga acollerá o IV Torneo de voleibol “Concello de Cervo” o sábado 26 de maio

Cervo, 22 de maio de 2018.- O Pavillón da Veiga acollerá o IV Torneo de Voleibol “Concello de Cervo” o vindeiro sábado 26 de maio.
A cita foi presentada no propio escenario da competición, no Pavillón da Veiga, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, o edil de Deportes, José Ramón Soto, e unha representación das catro categorías de voleibol que hai no seo das Escolas Deportivas Municipais do Concello de Cervo: alevín mixto, cadete e xuvenil feminino e xuvenil masculino.
Ao longo de toda a xornada xogaranse 12 partidos de xeito practicamente ininterrompido nas categorías anteriormente citadas, ata as 20:00 horas cando se prevé que sexa a entrega de trofeos e medallas.
No campionato participarán o EDM Cervo, o C.D. Aldebarán San Sadurniño e o C.V. Narón Volea.
Unha das disciplinas que promoven as Escolas Deportivas Municipais do Concello de Cervo é o voleibol, que a día de hoxe conta con máis de 30 rapaces adestrando, nos catro equipos que se formaron.
Tal e como sinalaron Villares e Soto “a filosofía deste equipo de Goberno é promover a actividade deportiva no seu conxunto, e vemos que o voleibol, que de entrada pode parecer un deporte minoritario, está a gañar adeptos ano tras ano entre a xente moza, boa mostra diso é que este mesmo curso, froito da demanda existente, configurouse un novo equipo”
O rexedor e o edil tamén quixeron destacar o gran traballo desenvolvido polo adestrador, Samuel Donker, “un dos máximos responsables da afección que hai a día de hoxe en Cervo por este deporte, e que se entrega ao 100% contaxiando aos rapaces a súa paixón polo volei”.

Exit mobile version