Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén reúnese co Concello de Viveiro

Burela 9-5-18. O presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco, e o vicepresidente, José Luis Sáez, reuníronse onte pola mañá coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, para solicitar o uso das instalacións deportivas da cidade do Landro e abordar a viabilidade do pavillón municipal de cara a 2018-19.

Manuel Blanco puxo en coñecemento de María Loureiro a problemática á que se enfronta o Pescados Rubén Burela FS ante os novos requisitos de instalacións deportivas marcados pola Liga Nacional de Fútbol Sala en 2016 e que entrarán vigor en xullo deste ano.

O pavillón municipal de Viveiro, que xa figurou nas últimas tempadas como pista alternativa de xogo para o Pescados Rubén, pode presentarse como a solución para que o club laranxa poida continuar xogando na Mariña a vindeira tempada, xa que a Liga non acepta o pavillón habitual de xogo ata o momento, Vista Alegre de Burela.

Dende xuño de 2016, en varios escritos remitidos polo Pescados Rubén Burela FS, trasladouse a devandita problemática a todas as institucións públicas, Xunta de Galicia, Deputación e Concello, solicitando a súa axuda para garantir a continuidade da competición da elite do fútbol sala no seu lugar de orixe, en Burela, coa adaptación de Vista Alegre aos mínimos requiridos pola LNFS.

O club agradece á Alcaldesa a total predisposición e colaboración amosada polo Concello de Viveiro para paliar os problemas da entidade laranxa.

Exit mobile version