Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela denuncia que nin o alcalde nin a edil de Servizos Sociais estiveron na visita do Director Xeral de Inclusión da Xunta

Burela, 15 de maio de 2018.- O PP de Burela critica que nin o alcalde, nin a concelleira de Servicios Sociais, nin ningún membro do goberno burelés estivesen presentes durante a visita que o Director Xeral de Inclusión da Xunta de Galicia realizou no día onte ao Centro San Aníbal, da comunidade relixiosa ‘Hijas del Divino Cielo’; unha decisión que para os populares supón “unha falla de respecto cara as relixiosas e o traballo que desenvolven, e tamén cara o Director Xeral, dado que a súa área é unha das máis sensibles e importantes para o noso concello no eido dos servicios sociais”.
Os membros do Grupo Municipal consideran esta actitude “de mala educación, irresponsable e prexudicial para os intereses de Burela”. “E máis triste é a disculpa que seica puxo o alcalde, que tiña algo urxente da Mancomunidade, esquecendo que el débese primeiramente e en todo momento ao Concello”, subliñan.
Para os populares, tanto o alcalde coma a concelleira de Servicios Sociais “perderon unha boa oportunidade para falar co Director Xeral acerca da vivenda de acollida para vítimas de violencia de xénero ou persoas en risco de exclusión social, ou para falar sobre o punto de encontro, dúas cuestións que estaban no Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes 2015-207 e que, sen dúbida, era do máis destacado dentro dese Plan”, afirman.
A xuízo do PP local, “isto significa o nulo interese e o nulo tempo e traballo que o alcalde e o seu goberno lle dedican ás cuestións realmente importantes”. “Cando dicimos que só están para festas e fotos, alguén pode pensar que esaxeramos, pero o de onte demostra que non. O traballo non é o deles. Dende logo, non é o do alcalde; e a concelleira de Servizos Sociais non está disposta a desperdiciar o seu talento en cuestións que xa debería ter resoltas, parece querer reservalo para outros asuntos, esquecendo que os que vimos de citar non son precisamente menores”. Ademais, indican, “hai que destacar que os dous, o alcalde e a concelleira, cobran do Concello, polo que estaban obrigados a asistir a esa visita, dada a importancia dos asuntos que se poderían tratar”.
“Exemplo vivo de vagancia”
Os edís populares consideran que o goberno municipal burelés “é o exemplo vivo de vagancia absoluta e da irresponsabilidade”. Por este motivo, consideran que pedirlle ao alcalde que traballe e xestione “é tempo perdido, e semella que a concelleira está contaxiada polo virus da ineficacia e da abulia ante todo o que sone a resolver problemas e xestionar. Por exemplo, destacan, dous meses e medio despois de que a solicitásemos, ainda non tivo a ben remitirnos copia da memoria do Plan de Igualdade 2015-2017; o que significa que non a fixo”, precisan. E no tocante á vivenda de acollida, sinalan, “xa se preocupou o PP de acondionala en gran medida, polo que só tiña que rematar a obra e asinar o convenio que xa quedou preparado coa Xunta por importe de 75.000 € para poñela en marcha. Pero tres anos despois, a Sra. Otero vemos que está a outras cousas, e isto para ela non merece nin a máis mínima atención”, conclúen.

Exit mobile version