Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Cervo aproba en solitario no pleno municipal a conexión de dúas rúas en San Cibrao que unha promotora inmobiliaria comprometera en 2006 e non fixo, alerta o BNG

Cervo, 3 de maio de 2018. O BNG de Cervo a través do seu responsábel local, Diego Fernández, criticou a convocatoria en menos dunha semana de 2 plenos extraordinarios con asuntos de relevancia, e considerou que “a alcaldía do PP faino así para impedir o control e presentación de alternativas pola oposición municipal”. Diego Fernández denunciou a reedición dun plan de infraestruturas para conectar dúas rúas que podería estar executado fai 12 anos a custe cero se o mesmo goberno local estivese máis preocupado polo interese público que por velar polo interese privado.
Diego Fernández fixo mención ao pleno urxente e extraordinario celebrado o pasado xoves 26 de abril no que se aprobou, cos únicos votos do PP, o PLAN ESPECIAL DE INFRAESTRUCTURAS DE ACONDICIONAMENTO DA RÚA ENTRE A AVENIDA BELLAVISTA E A AVENIDA DA VEIGA, un trámite urbanístico sen data de execución para unha obra que non é máis que a repetición do Plan para dotación de servizos urbanísticos entre a Avda. Bellavista e Avda. da Veiga, do ano 2006, con promoción e financiamento privado, aprobado pola Xunta de Goberno Municipal o 6 de abril de 2006, fai 12 anos, e que “nunca chegou a executarse polo menos na parte de interese público porque o goberno local navegaba en plena burbulla inmobiliaria máis a favor do interese privado que do público”, afirmou o responsábel nacionalista.

Hai responsábeis políticos que deberan responder persoalmente co seu patrimonio das desfeitas provocadas nos bens públicos

Diego Fernández foi mais alá ao afirmar que “a promotora do plan de 2006, ademais deixou unha débeda co concello de preto de 1,3 millóns de euros froito dun convenio asinado cos gobernantes do PP que non tiña seguridade xurídica, e deixou 2 esqueletes sen acabar das 500 vivendas e o hotel que pretendía construír na entrada de San Cibrao”. O voceiro nacionalista enfatizou que “deberan ser os responsábeis políticos desta desfeita quen paguen do seu peto o actual plan e a conexión entre Galdín e o Centro de Saúde da vila.”

Dáse a circunstancia, engadiu Fernández, que a empresa que agora redacta este plan de infraestruturas promovido polo concello, é a mesma encargada da redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, paralizado polo goberno do PP local desde fai 14 anos, a pesar de ser ferramenta indispensábel para evitar a improvisación e o caos urbanístico que vive o Concello de Cervo coas súas Normas Subsidiarias de Planeamento do ano 1978.
O PP abusa das convocatorias plenarias extraordinarias e de urxencia para impedir o control da oposición
O responsábel nacionalista tamén fixo mención ao pleno extraordinario celebrado o día 30 no que se aprobaron entroutras cuestións, o gasto de mais de 500.000 euros con cargo ao remanente de tesouraría do ano 2017, Fernández en principio non dubida da necesidade das actuacións en Cervo e San Cibrao, mais si discute a urxencia da convocatoria tendo en conta o volume do investimento e a imposibilidade de tempo material para revisar os proxectos ou valorar a súa urxencia e prioridade sobre outras actuacións noutras zonas do concello.

Exit mobile version