O voceiro popular no Concello de Ribadeo manifestou: “desde o Partido Popular reiteramos unha queixa que nos fan chegar os veciños. Últimamente estamos vendo que o alcalde di, supoñemos que con acerto, que as zonas ao lado de núcleos rurais deben estar limpas para evitar incendios. Pero parece mentira que unha finca que hai ao lado da gardería infantil de Ribadeo, detrás de Aduanas e da Casa do Concello está nunha situación lamentable. Hai incluso árbores xa e unha maleza enorme. Hai queixas veciñais constantemente, que a nosoutros tamén nolas fan chegar; e de aí esta denuncia”.
Jesús López pregúntase “que pasa con esa finca. Está no casco urbano de Ribadeo, denúnciase en varias ocasións e non fan absolutamente nada. É un perigo non só pola maleza senón pola cantidade de ratas, serpentes e demais bichos que se xuntan alí. Hai vivendas todo arredor, hai unha gardería infantil pegada a esa finca e non se toma medida algunha. Que pasa coa vara de medir do equipo de goberno de Ribadeo, segue sendo para uns dunha maneira e para outros doutra? Isto clama ao ceo”.
O portavoz do PP ribadense rematou dicindo: “pedimos e rogamos, nosoutros e os veciños da zona, que o goberno municipal tome medidas para que se limpe esa finca porque está nunha situación máis que lamentable”.