Site icon Crónica3.com A Mariña

“O PP e 6 Alcaldes búrlanse dos lucenses. Arranxo integral xa da N-540. Levan prometido máis de 20 millóns, denuncian os socialistas

Chantada, 4 de maio de 2018.- O Secretario Xeral do PSOE pola Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, a Deputada Socialista no Congreso pola Provincia de Lugo, Margarita Pérez Herraiz, o Senador Socialista pola Provincia de Lugo, Ricardo Varela, o Coordinador coa Comarca do Suroeste da Executiva Provincial Socialista, Rafael García, xunto a voceiros e secretarios do PSOE nos Concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Carballedo, Chantada, Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla esixiron xuntos este venres o “arranxo integral xa da N-540”.

Santos Ramos destacou que “o Partido Popular coa complicidade dos Alcaldes de Guntín, Portomarín, Chantada, Carballedo, Taboada e Monterroso estanse a burlar de todos os lucenses, dos seus propios veciños. Como é posible que se amosen satisfeitos porque se van a pasear as máquinas durante 4 meses pola N-540 para tapar baches, cando dende o PP levan prometido máis de 20 millóns de euros para a súa mellora e nada fixeron? Todos se están a rir dos lucenses”.

Os máis de 20 millóns de euros ao que fixo referencia o socialista distribúense do seguinte xeito: 6,6 millóns de euros que se comprometeron para melloras en 3 treitos da N-540 que non se fixeron; 6 millóns para a conservación da rede viaria estatal na provincia, que se incluíron no Presuposto Xeral do Estado de 2017 e non se executaron; 2 millóns para seguridade viaria, tamén nas estradas estatais da provincia e do PXE do ano pasado, que tampouco se empregaron; 1,5 millóns de euros de emerxencia para bachear, que anunciou o propio Ministro de Fomento; e, finalmente, do Orzamento do Estado para 2018 hai 1 millón coa previsión de executar este ano e outros 3 para obras no 2019.

“Con todo o baile de cifras, con todos os investimentos que o Partido Popular leva prometido, a N-540 ben podía estar lista. Pero non. Está en total abandono. Non quixeron executar nin unha soa partida, conseguindo que hoxe teñamos unha vía ruinosa, que conta con treitos dos máis calamitosos e perigosos de toda a rede estatal de estradas de Galicia. E agora, despois de anos nos que nada se fixo, o PP e 6 Alcaldes van a pasear as máquinas, probablemente ata as eleccións municipais. Primeiro para tapar algún bache e logo xa se verá….segundo lles conveña. Estanse a burlar de todos os veciños que día tras día transitan con serias dificultades pola N-540, correndo riscos. O PP e 6 Alcaldes demostran que non teñen compromiso algún cos veciños desta provincia nin responsabilidade política algunha”, remarcou Santos.

Pérez Herraiz e Varela destacaron que “os socialistas levamos anos esixindo no Congreso e no Senado o arranxo integral desta vía, que o PP chegou a dicir que estaba en perfectas condicións”. De feito, unha das emendas que fixo o PSOE ao Presuposto Xeral do Estado para 2018 esixe que os 4 millóns previstos nas contas para a N-540 se executen este mesmo ano, pois o PP, que nada fixo en anos, nin tan sequera a conservación, ten como previsión obras de 1 millón este ano e de 3 millóns no 2019.

“Por que queren seguir demorando máis estas obras?. Non as queren facer, ou queren ter as máquinas ata as eleccións para tentar confundir e dar a sensación de que fixeron algo durante estes anos?. Canto máis se queren rir de todos nós?. Xa está ben de burlarse dos lucenses. Queda en evidencia que ao Partido Popular e os seus cómplices, 4 Alcaldes do mesmo partido e outros 2 que claramente comparten os mesmo xenes e practican a mesma falsa política, non lle preocupa, nin un ápice, a seguridade dos seus propios veciños”, remarcou Santos Ramos.

Compromiso do PSOE coas infraestruturas na provincia
O PSOE presentou no Congreso unha proposición non de lei no Congreso para a execución dun Plan de Mellora Integral na N-540, N-547, N-640, N-634, N-642, N-VI, N-120 e A-6. A iniciativa dos socialistas foi aprobada co non do Partido Popular. Esta implica a presentación de dito plan nos vindeiros meses.

A proposición non de lei do PSOE tamén implica a execución da A-54 entre Lugo e Santiago, A-56 (Lugo-Ourense), A-82 ou A-74 (Barreiros e San Cibrao), A-76 (Ponferrada-Ourense), A-72 (Chantada-Monforte); a conexión de Alta Velocidade e a construción da imprescindible estación Intermodal para a chegada do AVE á provincia de Lugo; a mellora e modernización dos servizos ferroviarios no conxunto do territorio lugués e a execución do Plan de Reforzo da liña de FEVE Ferrolterra-Ortegal-A Mariña-Asturias.

Exit mobile version