No acto participaron Elena Candia López, alcaldesa de Viveiro, -concello que este ano acolle o Correlingua-, Alberto García Fernández, concelleiro delegado de Educación, Xuventude e Novas Teconoloxías, Paula Ferreiro Pena, en representación da Mesa pola Normalización Lingüística, Dores Fernández Abel, da CIG-Ensino e coordinadora da actividade, representantes dos Equipos de Dinamización Lingüística dos centros de Mondoñedo e un representante dos ciclo de Animación de Actividades Físicas e Deportivas, do IES Monte Castelo, todos eles colaboradores da edición deste ano da carreira en defensa do idioma galego.
Dores Fernández Abel, coordinadora da actividade na Mariña, explicou que este ano participarán 1000 alumnos e alumnas de varios centros da Mariña, tanto de infantil e primaria como de secundaria. Por cuarto ano, o Correlingua terá carreira de verdade, aínda que non competitiva, na que se inscribiron 355 rapazas e rapaces; o resto dos participantes fará un paseo desde a o Campo dos Remedios até a Praza da Catedral, lugar do festival final. Nesta edición contarase cun espectáculo musical deseñado exclusivamente para as e os máis pequenos, a conta de Ce Orquestra Pantasma, mentres os máis grandes estarán correndo ou camiñando pola nosa lingua.
Na festa final da Praza Maior, un grupo de alumnos e alumnas do IES San Rosendo darán lectura ao manifesto gañador deste ano, haberá actuacións promovidas polos centros, o grupo As Moreninhas, do IES Perdouro, por exemplo, e actuará o grupo gañador de outro dos certames do Correlingua, o Cantalingua, o grupo Cuarta Xusta. Tamén haberá animación musical no paseo a cargo de dous pequenos grupos de música tradicional, do CEIP Álvaro Cunqueiro e do IES de Foz.
O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para estes no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país.
Varios participantes na presentación do Correlingua incidiron na importancia de contarmos con actividades normalizadoras, que promovan a reflexión sobre a situación do noso idioma e incidan na sensibilización no seu uso, como mecanismo imprescindíbel para o seu futuro, algo especialmente necesario no actual contexto en que os datos estatísticos inciden na perda de falantes do noso idioma, e na que cada vez é menor o seu uso como lingua vehicular no ensino, consecuencia directa da entrada en vigor da LOMCE. Entendeuse que o Correlingua é un dos proxectos cos que se consegue aglutinar un número moi alto de mocidade arredor dun elemento común, creado polo noso pobo, como é o galego.
A Coordinadora do Correlingua agradeceu aos Equipos de Dinamización Lingüística dos centros o seu empeño e ánimo para con esta actividade, ao igual que o resto dos colaboradores, en especial ao anfitrión deste ano, o Concello de Mondoñedo, que pon a disposición da organización todo o necesario para que a actividade poda levarse a cabo con total normalidade e está a ter unha implicación digna de todo eloxio.
Dores Fernández Abel
Coordinadora do Correlingua na Mariña