A Mariña 13-5-18. Unha comisión formada por veciñas e veciños de diferentes localidades da Mariña tomamos a iniciativa de dirixirnos á Xunta de Galicia para presentar a proposta de que lle sexa concedida a Medalla Castelao a Antonina Semedo Lopes de Barros polo seu labor de activista social, de mediadora intercultural, de intérprete musical e de muller emprendedora nos ámbitos familiar e comunitario.
Neste próximo sábado queremos dar a coñecer publicamente esta reivindicación para Antonina, tanto no seu nome propio como en representación da comunidade cabo-verdiana que cumpre agora 40 anos de asentamento na nosa comarca. Dado que o primeiro lugar que a acolleu foi a Casa Selmira, en Cangas, reunímonos neste lugar este día 12 (sábado) ás 12 da mañá para darmos a coñecer as actividades de sensibilización e apoio.