Burela, 11 de maio de 2018. O vindeiro luns, 14 de maio, dan comezo as obras de asfaltado na zona da estación e de Correos. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, solicita aos veciños que non estacionen os seus vehículos no lugar e pide desculpas polas molestias que se van ocasionar.
O edil burelés anunciou que “a partires do luns, desde as oito da mañá, imos empezar a asfaltar a zona da estación e de Correos”.
O concelleiro de Obras lembrou que “era unha obra moi demandada polos veciños que xa tíñamos prevista e que por distintos temas administrativos retrasouse máis do que nos gustaría. Estaba en moi mal estado e era unha obra que tíñamos pendente. Agora por fin se vai levar a cabo”.
Fernández Rey engadiu que “rogamos aos veciños que non aparquen nesa zona a partires do luns e ata que acabe a obra. Pedimos desculpas polas molestias que poida ocasionar a obra, pero era moi necesaria”.
Para o concelleiro de Obras “vai quedar unha zona moi boa con moito aparcamento e vai ser boa para os veciños de Burela. A inversión ascende a 30.000 euros con fondos propios do Concello e con remanentes que quedaron das obras do Plan Único da Deputación”.