Site icon Crónica3.com A Mariña

Recepción no Concello de Ribadeo a Ana Iglesias Sobrino, campioa de España de rugbi olímpico coa selección galega

Ribadeo, 18 de maio de 2018. O salón de plenos do Concello acolleu esta tarde a recepción ofrecida a Ana Iglesias Sobrino, que se proclamou campioa de España de rugbi olímpico coa selección galega.

No seu discurso o concelleiro de Deportes, David Rivas, dixo que “hoxe damos a benvida por partida dobre. En primeiro lugar, benvida, Ana, e noraboa por ese campionato de España acadado coa selección galega, do que sentimos un enorme orgullo. E en segundo lugar, temos que dar a benvida ao deporte do rugbi a estas pequenas celebracións que facemos neste salón de plenos cando deportistas ribadenses colleitan éxitos deste calibre”.

O edil nacionalista manifestou que “o rugbi, que conta con apenas 2 anos de vida en Ribadeo, tivo unha moi boa acollida no noso concello, cun grande número de nenas e nenos practicándoo e un excelente traballo por parte do club na súa formación, que os está levando a competir a un altísimo nivel. Para nós é unha satisfacción moi grande poder contribuír cos medios dos que dispón o Concello de Ribadeo a sacar adiante este deporte que, non só se caracteriza pola súa deportividade a pesar de ser un deporte de moito contacto, senón que nos une co resto de nacións atlánticas irmás de Galicia, nas que goza de gran tradición. Por iso cando se nos brindou a oportunidade de colaborar coa creación do club nin o pensamos”.

David Rivas sinalou que “gústanos apostar polos deportes minoritarios e enfocalos como transformadores da sociedade, visibilizar que hai outras opcións e deportes extraordinarios ademais dos que nos meten polos ollos a diario os medios de comunicación.

E engadiu: “é unha pena que chegásemos tarde para Ana, e tivese que formarse na Coruña, cunha progresión meteórica ata o día de hoxe. Quen sabe onde estaría agora se puidera comezar a practicar rugbi aquí con 11 ou 12 anos. En calquera caso queremos mostrar a nosa ledicia de que Ana abandeire a Ribadeo no CRAT A Coruña xunto con Tania, e tamén na selección galega. Agardamos para ela unha carreira chea de éxitos e que poida vir aquí celebralos con nós. Estaremos agardándoa cos brazos abertos”.

No acto celebrado esta tarde en Ribadeo participaron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez, e o técnico de Deportes, Iván López.

Exit mobile version