Site icon Crónica3.com A Mariña

Resultados do VII Viveiro de Balonmán

Viveiro 29-5-18. O pasado domingo pechábase no pavillón Municipal de Viveiro a sétima edición do Viveiro de Balonmán, un torneo que arrincou o venres e que este ano volveu reunir a uns 250 nenos e nenas pertencentes a 19 conxuntos chegados de Galicia e Asturias. Os campións foron o Santo Ángel Bosco A, en infantís; o Balonmán Lalín, en alevíns mixtos; e o OAR Coruña, en benxamíns mixtos.
A categoría infantil foi dominada polo cadro avilesino, que se impuxo en todos os encontros da primeira fase e tamén na final ao OAR Coruña (25-18). Os coruñeses aguantaron moi ben durante o primeiro tempo (12-10), pero na segunda metade os do Bosco demostraron a súa superioridade. A terceira praza foi para o Bosco B, cuarto rematou o Lucus e quintos foron os anfitrións do Galipizza Viveiro.
Mentres, a final alevín ofreceu un igualadísimo derbi dezano entre o Balonmán Lalín e o Rodeiro (14-12). O Rodeiro comezou moi forte e dominou dous tercios do encontro, pero os lalinenses igualaron cando restaban 6 minutos por xogarse (10-10), tiveron moito máis acerto no último tramo do partido e acabaron proclamándose campións. A terceira praza foi para o Balonmano Ribadesella, un conxunto formado integramente por rapazas que ofreceu unha imaxe sobresaínte durante todo o torneo e que se impuxo na final de consolación ao OAR Coruña (4-2).
Finalmente, o título benxamín foise para as vitrinas do OAR Coruña. Os herculinos impuxéronse na final ao Quirinal A de Avilés (2-4). Os coruñeses venceron o primeiro cuarto, caeron no segundo e dominaron o derradeiro para anotarse o triunfo final. Completou o podio o Balonmán Lucus, que se impuxo no partido polo terceiro posto ao Quirinal B (5-1).
Na entrega de premios participou o concelleiro de Deportes de Viveiro, Emilio Villarmea.

Exit mobile version