Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornadas gastronómicas dedicadas á merluza do pincho de Celeiro en Santiago de compostela e Xixón

Viveiro 16-5-18. Entre o 28 de maio e o 3 de xuño, os hoteis OCA Puerto del Camino, de Santiago de Compostela, e OCA Palacio de la Llorea, de Xixón, celebrarán unhas xornadas gastronómicas dedicadas á merluza do pincho de Celeiro. Durante estes días, nos restaurantes destes establecementos hostaleiros ofreceranse distintos pratos que teñen como ingrediente principal a merluza do pincho de Celeiro, co fin de dar a coñecer este produto gastronómico e, consecuentemente, promocionando o turismo gastronómico e o noso concello.
As presentacións destas xornadas terán lugar ás 13:00 horas os días 23 de maio, no hotel OCA Puerto del Camino, en Santiago de Compostela, e o 24 de maio, no hotel OCA Palacio de la Llorea, en Xixón; a estes actos asistirán, en representación do Concello de Viveiro, a Alcaldesa e a Concelleira de Turismo e Comercio.
Nestas presentacións, nas que tamén estará presente Ramón Braña, Director Xeral de Oca Hoteles, está prevista a intervención da Alcaldesa e mais a proxección dun vídeo co que se pretende amosar aos medios de comunicación presentes e aos asistentes os recursos turísticos deste concello.
Estas xornadas gastronómicas, que son posibles grazas ás xestións realizadas pola Concelleira de Turismo e Comercio, María Soledad Rey Yáñez, forman parte das distintas accións levadas a cabo polo Concello de Viveiro nos últimos anos co fin de intensificar a promoción do noso municipio co fin de que se consolide como un destino turístico de calidade.
Dende o concello quérese agradecer publicamente a colaboración da empresa Puertos de Celeiro, SA, que doará a merluza que se servirá en ambos hoteis durante a celebración das xornadas, e mais ao Director Xeral de Oca Hoteles por acoller esta iniciativa tan positivamente e permitir a súa celebración.

Exit mobile version