Site icon Crónica3.com A Mariña

Xunta e goberno central achegaron 3,9 millóns de euros para impulsar preto de 500 actuacións de rehabilitación en edificios e vivendas de Viveiro

Viveiro, 3 de maio de 2018.- A Xunta e o Goberno central destinaron 3.932.890 euros para impulsar preto de 500 actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de Viveiro a través da Área de Rehabilitación Integral (ARI) declarada no municipio.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen fixo balance dos recursos económicos que o Goberno galego, en colaboración co Ministerio de Fomento, destinan a este programa que pretende a mellora dos inmobles e a urbanización de espazos.

A área de rehabilitación de Viveiro foi declarada en 1998. Ao abeiro da mesma asináronse 15 convenios, con inicio o 24 de xuño de 1999. O último convenio asinado ata o momento rematará o 31 de decembro de 2019. Ata o momento, leváronse a cabo en concreto 489 actuacións, que suman un investimento mobilizado de 11.211.045 euros.

No último acordo, asinado o 26 de outubro de 2017, programouse a rehabilitación de sete vivendas. O ministerio achegará 68.636,00 euros e a Xunta 24.241,20 euros. Ademais, para obras de urbanización o Ministerio achegará outros 14.000 euros.

A Xunta de Galicia e o Goberno central achegan os recursos económicos para outorgar estas axudas, mentres que o Concello é a entidade encargada de tramitalas a través da oficina municipal de rehabilitación.

Baseiro subliñou que as ARI son “un instrumento para a recuperación física, funcional e social dos espazos urbanos”. Os beneficiarios finais dos fondos son os propietarios de vivendas emprazados no ámbito de actuación, que reciben axudas a fondo perdido para as obras de rehabilitación que realicen. Tamén poden beneficiarse das axudas os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito das ARI.

Actualmente existen 69 Áreas de Rehabilitación Integral declaradas en 41 concellos de toda Galicia, 13 delas na provincia de Lugo.

Exit mobile version