Site icon Crónica3.com A Mariña

Xunta e Goberno Central achegaron máis de 376.000 euros para impulsar 63 proxectos na Área de Rehabilitación Integral de Lourenzá

Lugo, 22 de maio de 2018.- Xunta e o Goberno central destinaron máis de 376.000 euros para impulsar 63 actuacións de mellora de vivendas e edificios de Lourenzá a través da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do municipio.

A ARI de Lourenzá foi declarada en 29 de xaneiro de 2003, e desde entón asináronse oito convenios para financiar distintas obras, que suman un investimento mobilizado que supera os 1,3 millóns de euros.

No último acordo asinado o 26 de outubro de 2017, programouse a rehabilitación de 5 vivendas para o que se reserva un orzamento que supera os 81.500 euros.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen fixo balance dos recursos económicos que o Goberno galego, en colaboración co Ministerio de Fomento, destinan a este programa que pretende a mellora dos inmobles e a urbanización de espazos.

Oficina de rehabilitación
Os beneficiarios finais dos fondos son os propietarios de vivendas emprazados no ámbito de actuación, que reciben axudas a fondo perdido para as obras de rehabilitación que realicen, pero tamén poden beneficiarse das axudas os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización.

Os convenios establecen que a Xunta de Galicia e o Goberno central achegan os recursos económicos para outorgar as axudas, mentres que o Concello é a entidade encargada de tramitalas a través da oficina municipal de rehabilitación.

A ARI de Lourenzá comprende un amplo conxunto configurado por dúas zonas: o entorno BIC do Mosteiro de San Salvador e o solo urbano inmediato a este. A superficie total da área de rehabilitación, é de 4,30 hectáreas. O tecido residencial artéllase entre o conxunto eclesiástico que forman o Mosteiro de San Salvador e a Igrexa de Santa María de Valdeflores por unha banda, e as edificacións de usos civil e administrativo. Neste ámbito sitúanse 189 vivendas que son obxecto potencial de rehabilitación.

Actualmente existen 69 Áreas de Rehabilitación Integral declaradas en 41 concellos de toda Galicia, 13 delas na provincia de Lugo

Exit mobile version