Site icon Crónica3.com A Mariña

A APEHL celebra unha nova xornada sobre lexislación relativa ao sector este martes en Burela

Lugo 18-6-18. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) está levando a cabo ao longo de toda a provincia varias reunións informativas sobre a normativa vixente que afecta directamente ao sector. A próxima xornada terá lugar mañá martes 19 de xuño ás 18:00 horas na Sala de Conferencias (Antiga Biblioteca) de Burela.
Estarán presentes a xefa da Área de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, Paloma Vázquez; o alcalde de Burela, Alfredo Llano, e o presidente da APEHL, Cheché Real.
O obxectivo é informar aos asociados e a calquera persoa que estea interesada de temas como diferenzas entre café-bar, cafeterías e restaurantes; listas de prezos, horario de peche, rexistro de viaxeiros, dereito de admisión, rexistro horario de traballadores, así como calquera outro tema que se poida propoñer.
Por outra banda, dase a coñecer o labor que se realiza dende a Apehl para a promoción da provincia a nivel nacional e internacional, os servizos que presta a Asociación, así como os convenios vantaxosos dos que son beneficiarios os asociados. Cheché Real sempre fai fincapé en que “queremos que os nosos socios se beneficien dos convenios que temos firmados, das vantaxes que ofrecemos e dos nosos servizos. Non queremos que se só pague a cota”.
Son ocasións tamén para tratar de reunir o sector da hostalería e o turismo e poder intercambiar opinións e experiencias. Real insiste en que “canto máis unidos esteamos, mellores melloras podemos conseguir. Con estas visitas queremos estar en contacto co sector de toda a provincia e coñecer as inquedanzas e dúbidas dos nosos socios e compañeiros”.
O ciclo remata o vindeiro luns coa última das xornadas en Lugo.

Exit mobile version