Site icon Crónica3.com A Mariña

A FCAM asinou un convenio con Abanca dotado con 50 millóns de euros para préstamos destinados á creación e mellora do pequeno comercio

Foz, 22 de xuño de 2018. A Federación de Comercio da Mariña (FCAM) asinou hoxe un convenio de colaboración con ABanca. Os asociados/as poderán dispoñer de préstamos en condicións vantaxosas para a creación ou mellora dos seus negocios. A dotación económica é de 50 millóns de euros. Á firma, que tiña lugar este mediodía no museo reitoral da Basílica de San Martiño, en Foz, asistían xunto ao presidente da FCAM, José Carlos Paleo, o delegado territorial de ABanca, Carlos Teijeiro, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e a directora de ABanca en Foz, Mercedes Rubiños.
O presidente da FCAM declarou que “temos que agradecer a celeridade coa que se firma este convenio, o trato de colaborar dalgún xeito, e de ter unhas condicións favorables para os nosos comerciantes. Este é un convenio cunhas condicións extraordinarias e onde estará a disposición de todos os asociados unha cantidade de 50 millóns de euros avalado para as necesidades do pequeno comercio, tanto para a posta en marcha dalgún negocio como para o seu financiamento e expansión. Todo o que realmente necesita e está detrás dun comercio e dun colectivo importante como é este”.
José Carlos Paleo engadiu que “se un cliente é importante, se un negocio é importante, 850 asociados é unha parte necesaria dentro da sociedade e das vilas. A importancia que ten o pequeno comercio é dalgún xeito a vida que temos nos nosos pobos. Este convenio de colaboración ten unhas condicións especiais que non se conseguirían se fose individualmente. Hai que destacar a presenza aquí do noso presidente galego, José María Seijas, do delegado comarcal, Carlos Teijeiro, e de Mercedes Rubiños da oficina de ABanca en Foz”.
O presidente da FCAM salientou que “todo este tipo de colaboración é compartindo a visión de que todos xuntos podemos chegar máis lonxe, e podemos utilizar os recursos de mellor forma. Todos os nosos socios e socias pasarán polas oficinas que lles correspondan, nas que xa teñen conta, e verán incrementadas as condicións favorables para crear, renovar, refinanciar e expandirse. Esta cantidade suma entre todo 50 millóns de euros entre máis de 850 asociados que somos, porque desde a última vez que estivemos xuntos aumentamos case un 4% o número de socios, xa conseguimos neste último mes máis de 30 novos socios. Desexar que se utilicen todos estes fondos neste ano próximo para renovarse, mellorar e poñer en marcha as necesidades que cada negocio individualmente ten. Hai que pensar que nos negocios familiares apostamos todos e detrás de cada un está o respaldo económico de toda a familia, e nese senso esas condicións favorables axudan a seguir vivos”.
José Carlos Paleo dixo que “estamos moi agradecidos da rapidez que esta entidade financeira ten con nosoutros. Xa non hai nada que demostrar porque é continuo, a través da Federación Galega de Comercio todos os anos participa en distintas actividades, distintos convenios e axudas para que este sector vaia a mais”.
Pola súa banda o delegado territorial de ABanca, Carlos Teijeiro, manifestou que “esperamos estar á altura que vos merecedes porque a FCAM, empregando a 3.000 persoas e cun volume de negocio de 300 millóns de euros, creo que merece toda a atención de ABanca e de calquera tipo de poder. ABanca ten agora mesmo 20 oficinas repartidas na Mariña e este convenio é para nosoutros moi importante porque nosoutros estamos a disposición de todos os comerciantes para tratar de atender as súas necesidades. Esta entidade ten clarísimo que ten que apoiar ao pequeno comercio porque é absolutamente clave no desenrolo económico de calquera comarca”.
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, sinalou que “este convenio é unha continuación do que asinamos a Federación Galega de Comercio e ABanca para toda Galicia. O comercio representamos un 16% do PIB de Galicia, que para unha entidade bancaria é moi importante”.

Exit mobile version