Site icon Crónica3.com A Mariña

A FP Dual continúa avanzando en Galicia con 10 novos ciclos na provincia de Lugo

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a oferta de ciclos formativos para o curso 2018/19, a través do que se ofrecen 4204 prazas en primeiro curso en centros públicos da provincia de Lugo(en números moi similares ao curso anterior), en 173 ciclos e programas formativos autorizados nas diferentes modalidades e réximes.

Esta oferta avanza na implantación da FP Dual, unha das apostas do departamento educativo da Xunta de Galicia para impulsar a empregabilidade dos titulados e para axustar a formación profesional ás necesidades dos sectores produtivos Neste sentido cómpre sinalar que o motivo mesmo de modificar a oferta de ciclos para cada curso vén derivado da necesidade de dar resposta ao tecido socio-produtivo de cada comarca e á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

Aposta pola FP Dual
A oferta incorpora as súas principais novidades na FP Dual. Así, na provincia de Lugo entrarán en funcionamento 3 ciclos de grao medio e 7 de grao superior nesta modalidade. En concreto, destaca a incorporación do ciclo de grao superior en Enerxías Renovables, o primeiro desta materia na modalidade de dual, que terá dous cursos de duración e desenvolverase en colaboración co CIFP As Mercedes (Lugo), centro especialista e de referencia na familia profesional de Enerxía e auga, aínda que parte terá lugar en Mondoñedo, onde se atopan as instalacións da empresa colaboradora.

Modificacións
Como é habitual, a oferta de FP fluctúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e as características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FPDual.

Desta forma no réxime ordinario súmase en grao medio o ciclo de Aproveitamento e conservación do medio natural (IES da Terra Chá José Trapero Pardo, Castro de Rei), mentres que en grao superior o fan os ciclos de Procesos e calidade na industria alimentaria (CIFP Politécnico de Lugo, ciclo que vén trasladado do IES Leiras Pulpeiro), Automoción (IES María Sarmiento, Viveiro), e Ensinanza e animación sociodeportiva (novo ciclo LOE que substitúe ao CS Animación de actividades físicas e deportivas LOXSE no IES Monte Castelo, Burela, e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lugo).

No réxime modular para adultos, incorporarase á oferta o ciclo de grao medio en Carpintaría e moble (CIFP Politécnico de Lugo).

Falta de alumnado
Por outra banda, deixan de ofertarse por falta de alumnado, algúns ciclos. Desta forma no réxime ordinario en grao medio deixarán de impartirse os ciclos de Carpintería e moble (CIFP Politécnico de Lugo), Xestión administrativa (IES Lois Peña Novo, Vilalba) e Carrozaría (IES María Sarmiento, Viveiro); mentres que en grao superior non se ofertarán os de Mantemento electrónico (CIFP Politécnico de Lugo), Paisaxismo e medio rural (IES da Terra Chá José Trapero Pardo) e Actividades de actividades físicas e deportivas (que se substitúe polo devandito LOE de Ensinanza e animación sociodeportiva no IES Monte Castelo, Burela, e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lugo).

Exit mobile version