Site icon Crónica3.com A Mariña

A mancomunidade de municipios da Mariña celebrará pleno ordinario en Trabada o 25 de xuño. Na sesión abordaranse asuntos como a contratación dun xerente de turismo, o servizo de socorrismo, a promoción da comarca a través do deporte ou as audioguías

A Mariña, 21 de xuño de 2018. A Mancomunidade de Municipios da Mariña celebrará pleno ordinario o vindeiro luns, 25 de xuño, en Trabada. Nesta sesión abordaranse temas como a nova xerencia de turismo, o servizo de socorrismo, as audioguías, a promoción da comarca a través do deporte ou a revista que se editará para dar a coñecer toda a riqueza turística desta zona.
O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, dixo que “corresponde facer o pleno ordinario da Mancomunidade de Municipios da Mariña en Trabada. Vai ser ás oito da tarde, pero antes imos facer unha comisión de contas os alcaldes que formamos parte desa comisión. Imos falar basicamente de temas importantes para a Mancomunidade en cuestións de turismo e tamén doutros asuntos. Por exemplo fora do turismo imos tratar o aproveitamento das resinas. Hai unha iniciativa da que moitos concellos xa están informados de como se pode aproveitar as resinas nas plantacións de pinos para o uso que se queira darlle. Imos falar diso para que se saiba e se hai algúns concellos que queiran aproveitala que poidan facelo”.
Alfredo Llano explicou que “imos contratar un xerente para o resto do ano, polo tanto imos falar das bases. Os requisitos serán ter unha boa formación e faremos que desenrolen unha proposta turística para a comarca. Tamén falaremos dos socorristas porque vemos que imos a menos en vez de ir a máis cando as necesidades son cada vez maiores. Aquí por exemplo en Burela antes daban 10 socorristas para tres meses, e agora pasamos de 10 a 7 socorristas e soamente dous meses, iso ocorre no noso Concello e noutros sucede algo parecido. Se queremos defender unha alternativa turística importante e axeitada temos que facer que haxa máis recursos, sobre todo na cuestión de seguridade, se temos ademais bandeiras azuis, que haxa máis tempo con socorristas que é o que queremos todos. Imos plantexar isto e solicitarlle á Xunta que o teña en conta para próximos anos”.
O presidente da Mancomunidade sinalou que “con respecto a temas de turismo xa temos un convenio para este ano e para o ano que ven a través da Axencia de Turismo da Xunta que nos aporta 80.000 euros para cada ano, en total 160.000€. Imos facer un programa sobre turismo, igual que víñamos facendo, pero queremos darlle importancia aos temas da formación nas empresas de hostalería, e a comunicación con esas firmas no traballo que podemos facer desde a Mancomunidade a través dos seus representantes como a FCAM. Queremos ampliar o tema da formación e tamén, unha proposta, que lles quero facer en próximas reunións que teñamos cos empresarios, de organizar unhas xornadas nas que se vexa a necesidade de defender o comercio local, e se hai suficiente oferta na comarca para non ter que solicitar tanto a través de internet. Traballar no aspecto de que o comercio local na Mariña é fundamental para o seu crecemento e para crear postos de traballo. Imos enfocar a axuda que se poida para eses temas”.
Llano dixo que “xa tivemos a experiencia extraordinaria de facer as audioguías nos Concellos de Ribadeo, Mondoñedo e Viveiro. Todo o mundo quedou sorprendido do ben que quedou, e imos amplialo como mínimo ao español e ao inglés, e se podemos tamén ao francés. Xa temos uns cartos para facer isto. Seguramente no futuro o ampliemos a outros concellos sempre tendo en conta o carácter histórico dos diferentes sitios. Tamén imos facer unha revista coas características dos 16 concellos para levala a diferentes lugares para que sexa coñecida A Mariña en todos os aspectos. Vai estar nos lugares axeitados para que sexa visto por moita xente non soamente na comarca senón en toda Galicia, no resto de España e incluso imos levar algunha ao estranxeiro”.
O presidente da Mancomunidade engadiu que “imos intentar ampliar de 5.000 a 10.000 euros a partida para os deportistas que promocionan A Mariña fora da comarca, porque nos parece unha iniciativa extraordinaria á vez que motivadora para a práctica deportiva. Trataremos seguramente ademais da contratación da empresa que nos vai facer falta para levar adiante o programa Coopera, co que este ano gañamos un premio, para comezar en setembro a desenvolvelo e rematalo en decembro. Desde a Mancomunidade pretendemos aproveitar todos os recursos que temos para promocionar A Mariña no plano económico, social, turístico, etc… e imos tratar neste pleno de chegar a conclusións que sexan boas para todos os concellos”.

Exit mobile version