Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta colabora co Resurrection Fest achegando un completo dispositivo de resposta ante emerxencias durante o festival

Viveiro, 15 de xuño de 2018.- A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa organización do Resurrection Fest de Viveiro achegando un completo dispositivo de resposta ante emerxencias que coordinará a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, subliñou a importancia de reforzar as medidas de seguridade durante o festival, que se celebrará entre os días 11 e 14 de xullo e constitúe un dos acontecementos máis multitudinarios da comarca.

A Axega coordinará o operativo en colaboración co Concello de Viveiro e a agrupación de Protección Civil para ofrecer unha resposta áxil e especializada ante emerxencias e situacións de risco e, en todo caso, para garantir a seguridade de todos os asistentes.

Entre as diversas dotacións e recursos da Axega que se desprazarán ata Viveiro figura un camión articulado que permite trasladar ao lugar da incidencia unha sala de operacións, coordinación e xestión de recursos. Está dotado coa última tecnoloxía, o que garante as comunicacións aínda nas condicións máis adversas.

O camión de tipoloxía 6×6 mide 10 metros de largo, 4 metros de altura e 5 de ancho -na súa modalidade despregada- e dispón unha escaleira de acceso. Entre o seu equipamento figura emisoras de diferentes bandas de frecuencia, entre elas, banda mariña, aérea, baixa, HF, e satélite, integradas no sistema de comunicación TETRA.

O operativo é autónomo de calquera fonte eléctrica grazas aos dous xeradores cunha autonomía individual de 150 horas de funcionamento cada un deles. A alimentación de combustible realízase a través do depósito do camión cunha capacidade de 300 litros.

Exit mobile version