Lugo, 1 de xuño de 2018.- A Consellería de Medio Rural financiará a contratación de 75 profesionais que se integrarán nas brigadas contra incendios que trece concellos da Mariña lucense porán en marcha os próximos meses.
En concreto os concellos que decidiron adherise ao convenio coa Xunta para a creación destas brigadas son os de Alfoz, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Trabada, O Valadouro, Vicedo, Viveiro, Xove e Riotorto.
Brigadas en trece concellos
As brigadas municipais teñen como principal obxectivo a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido e tamén actúan como unidade de primeira intervención en caso de ser preciso extinguir un incendio.
Estes traballos consistirán na posta en marcha de roza manual, rareo e eliminación de restos durante os tres meses de operativo destas brigadas, co obxectivo de levar a cabo labores de prevención.
Tamén realizan labores de vixilancia e extinción baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia. Executaranse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito.
Motobombas e rozas mecanizadas
Complementariamente ademais 12 concellos da comarca contarán co apoio da Xunta para o mantemento e actuación dos vehículos motobombas e realizaranse labores de roza en preto de 1.500 hectáreas de camiños e terreos de titularidade municipal.
O convenio coa Xunta tamén contempla a actuación das motobombas municipais. O obxectivo é cubrir as necesidades económicas destes vehículos e dos seus operarios, desde primeiros de xullo ata o remate da primeira quincena de outubro. Os concellos adheridos a esta modalidade son os de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, Vicedo, Viveiro e Riotorto.
A última das modalidades conveniadas, correspondente á realización de rozas e tratamentos silvícolas de xeito mecanizado en vías e camiños forestais de titularidade local e nas faixas de xestión da biomasa ao obxecto de diminuír a carga de combustible, de xeito que o lume, no caso de producirse, avance con máis lentitude, menor intensidade e se facilite a actuación dos medios de defensa.