Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiou, desde 2009, obras de mellora por máis de 303.000 euros no CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo

Ribadeo, 21 de xuño de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiou, desde o ano 2009 ata hoxe, obras de mellora no CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo por importe de 303.000 euros.

A maior parte destas actuacións, tiñan por obxecto a modernización de varios espazos de uso común e lectivo, melloras na instalación eléctrica, cubertas, e sistema de climatización ou adaptación de aseos e, entre elas, destacan as destinadas á cubrición da pista polideportiva.

Precisamente hoxe, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse ata o colexio para inaugurar oficialmente a finalización dos traballos de peche desta pista transformada nun pavillón.

A inauguración desta obra coincidiu coas actividades organizadas polo centro para celebrar o fin do actual curso escolar, que incluíron unha serie de actuacións e obradoiros e unha xornada de convivencia coas nais e pais do alumando.

O novo pavillón é unha infraestrutura moi útil, que grazas ao recen estreado peche permite ao alumnado do centro resgardarse das inclemencias climatolóxicas e practicar todo tipo de deportes e actividades nese espazo.

Ademais da construción do muro de bloque de formigón, similar o existente nas outras tres caras do pavillón, tamén se colocaron fiestras para iluminar o interior; e dúas portas de acceso: unha lateral para o alumnado, e outra para o acceso de vehículos utilizados para o mantemento (cambio luminarias, limpeza,…).

De xeito complementario, procedeuse ao acondicionamento dunha soleira, entre a pista cuberta e o ximnasio existente, unha zona de difícil tránsito en época de choiva, que agora pode ser aproveitada para outros usos sen problemas de esvaróns.

Balseiro puxo en valor estas obras, agradeceu o apoio do equipo directivo do centro que achega de xeito periódico distintas propostas de mellora. Tamén aproveitou para desexar ao conxunto da comunidade educativa e, moi especialmente aos estudantes que rematan as clases, unhas felices vacacións.

Exit mobile version