Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa quince proxectos emprendedores na provincia cunha achega global de 529.000 euros

Lugo, 18 de xuño de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou 529.000 euros a impulsar quince proxectos empresariais de emprendedores e autónomos na provincia de Lugo ao abeiro das convocatorias do Galicia Emprende de 2017. Os investimentos mobilizados, cun importe medio por proxecto de máis de 100.000 euros, suman 1,6 millóns.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, fixo balance deste programa que desenvolve o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e que se abrirá para novas solicitudes nos vindeiros días.

Os proxectos aprobados en Lugo nas convocatorias realizadas o pasado ano abranguen, entre outras, un centro de ocio infantil e un centro de día, comercios, empresas de hostalería e turismo, clínicas e unha estación de servizo. Oito das iniciativas poranse en marcha na capital; os municipios de Vilalba, Chantada e Sarria rexistran dúas cada un, e tamén hai unha en Burela.

Balseiro subliñou que esta liña de apoio ao emprendemento ten como obxectivo estimular o tecido empresarial e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes.

A próxima convocatoria prevé axudas por valor de 3 millóns de euros para 80 proxectos no conxunto da comunidade, que mobilizarán investimentos que acadarán os 11 millóns de euros. O importe dos investimentos apoiados estará comprendido entre os 25.000 e os 500.000 euros e as axudas poderán cubrir ata o 30% dos mesmos no caso das pequenas empresas e ata o 20% no das medianas.

Os novos emprendedores ou autónomos interesados en solicitar as axudas poderán facelo en calquera das dúas edicións que, de xeito sucesivo, se activarán durante este ano, para facilitar a elaboración, presentación e execución dos investimentos. Pódense acoller proxectos promovidos en Galicia, tanto de nova creación como de consolidación de empresas durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento.

Exit mobile version