Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta reitera a solicitude de reunión a Costas para abordar as instrucións sobre o peche de furnas, arcos e corredores das Catedrais

Santiago, 29 de xuño de 2018-. Transcorridos xa 10 días dende a solicitude formulada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ao Goberno central para definir as condicións relativas ao peche das furnas, arcos e corredores das Catedrais a executar por Costas do Estado e Concello de Ribadeo, a Consellería reitera a súa solicitude de encontro urxente para poder pechar unha batería de medidas cara á nova tempada de verán.

Así, por parte do departamento de Patrimonio Natural, remitiuse, no día de onte, unha nova comunicación ao Ministerio para a Transición Ecolóxica coa finalidade de que as administracións con competencias en materia de seguridade, neste caso o Ministerio e o Concello, adopten as medidas precisas para garantir a seguridade das persoas. Esta petición realízase tendo en conta que existe unha advertencia de perigo aínda non cuantificado recollida nun informe preliminar que recomenda o peche cautelar de covas, furnas, arcos litorais e pasillos en túnel.

Dende a Consellería de Medio Ambiente, e xa cara ao próximo período de control e limitación de accesos ao monumento natural que, como cada ano comeza o próximo día 1 de xullo, manterase o dispositivo de apoio ao uso público na praia que conta cun total de 10 persoas entre control de accesos, aparcadoiros e educadores ambientais, aínda que co reforzo das labores de vixilancia de cumprimento da normativa coa presenza permanente de axentes medioambientais na zona. Desde a Xunta, lémbrase que -como indica o Plan de Conservación do Monumento- o límite diario de acceso é de 4.812 persoas.

A Consellería, continuando a colaboración establecida coa administración do Estado e máis co Concello, manterá o desenvolvemento de labores de información advertindo dos riscos no areal, a través da distribución de dípticos no que se recollen os riscos, e realizando labor informativa in situ co persoal alí destacado. En todo caso, a autorización para o acceso ao areal lembra a advertencia dos riscos presentes en distintas zonas do monumento e que deben ser asumidos, en todo caso, polas persoas usuarias.

Así, compre lembrar que que nos meses de abril e maio instaláronse sinais informativas dos riscos nos distintos accesos así como sinales que indican a prohibición de transitar fóra dos camiños acondicionados a tal fin.

Exit mobile version