Site icon Crónica3.com A Mariña

Accións previstas na comarca na folga do 19 de xuño

Burela, a 30 de maio de 2018. O Secretario Xeral da CIG, Paulo Carril, o Secretario da Comarca Lugo-A Mariña, Toño Niño, e o Secretario da Unión Local da Mariña, Xorxe Caldeiro, informaron hoxe da folga xeral que a CIG ten convocada o 19 de xuño, dos motivos da mesma e as accións previstas na comarca dentro da campaña de axitación da folga.
Para a CIG a folga xeral do 19 de xuño é a moción de censura da clase obreira diante da situación de emerxencia nacional que estamos a vivir dende o punto de vista laboral, social, económico e político-institucional. A clase traballadora ten que dar unha resposta contundente para demostrarlle ao poder político e económico a disposición a loitar polos nosos dereitos e por un futuro digno, e para esixir a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva que provocaron o empobrecemento, a precariedade e a situación de explotación laboral actual.

A isto súmanse os retallos e privatizacións de servizos públicos -que tan ás claras se manifestan na Mariña, onde cada día o acceso a unha sanidade pública de calidade, próxima e universal está máis en cuestión-; o deterioro das coberturas e prestacións sociais; o retroceso nas liberdades democráticas; a incapacidade para artellar medidas que permitan un avance real nos dereitos das mulleres; etc. Todo isto nun contexto onde a corrupción do Partido Popular campa ás súas anchas.
Corremos o perigo da consolidación dunha situación social e nacional sen saída, agravada pola indolencia do Goberno galego, incapaz de tomar iniciativas a favor dun desenvolvemento económico e social digno en Galiza. Ao contrario, a Xunta de Feijoo actúa a favor dos fondos de inversións que acumulan máis riqueza en menos mans en territorios lonxe de Galiza, aprobando leis como a de Fomento de Implantación de Iniciativas Empresariais, que favorece un modelo industrial de corte colonial.
Pero ese mesmo Goberno oponse a medidas positivas para os nosos sectores produtivos e o noso cativo tecido industrial, como a ILP para garantir a enerxía como servizo público que a CIG levou a debate no Parlamento galego e que, entre outras cuestións, contemplaba a creación dunha tarifa eléctrica galega, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema, e que permitiría contar cunha tarifa industrial estábel que favoreza o normal desenvolvemento e a planificación das industrias con grandes consumos de enerxía como Alcoa.
Os orzamentos do Estado que se veñen de aprobar consolidan todas estas políticas que saquean e rouban á clase traballadora e corremos o risco de que a precariedade e o empobrecemento avancen provocando que as novas xeracións vivan en condicións peores que as anteriores.
Por iso, a CIG entende que un sindicato digno de tal nome, nun momento como este, ou dá un paso á fronte e convoca unha folga xeral ou, do contrario, o seu papel é inútil.
Posteriormente participaron nunha asemblea cos delegados e delegadas de Alcoa e empresas auxiliares onde abordaron a folga xeral, a situación socioeconómica actual e o futuro da empresa de aluminio, nomeadamente ante os cambios no sistema de poxa da interrompibilidade.
Informou Paulo Carril que, a pasada semana, unha representación da CIG mantivo un encontro en Madrid coa presidenta da patronal das empresas electrointensivas do Estado (AEGE) na que se tratou a necesidade de que se estableza unha tarifa industrial para as empresas grandes consumidoras que sexa estábel, predicíbel, que garanta a creación de emprego e a continuidade nos procesos produtivos. Á CIG interesáballe nesta xuntanza saber cales van ser os mecanismos de xestión desas partidas; como se distribúen e que mecanismos vai aplicar a UE aquí e noutros Estados europeos.

Exit mobile version