Site icon Crónica3.com A Mariña

Chaman a unha paciente que denunciou abandono pola administración sanitaria tras ser operada nun centro privado

A Mariña 20 de Xuño de 2018. A paciente padece dun proceso artrósico no ombreiro dereito que precisaba dunha intervención cirúrxica. Desde o SERGAS derívana a un hospital privado de Lugo para a intervención e acepta , pois a dor é importante e se non acepta sabe que terá que agardar moito tempo en ser operada. En xaneiro de 2018 é operada , máis atopan que a intervención é máis complexa do que se prevía inicialmente ( interesando ao labrum da articulación do ombreiro ). Logo da intervención cítana para a retirada de puntos e aos dous meses acude a consulta de seguimento postcirúrxico no propio centro. Tras realizar este control postintervención é informada de que finaliza o seu proceso , pois o SERGAS só ten pactada unha revisión postcirúrxica para os casos que deriva aos centros privados. “Quedeime asombrada , máis pensei que a partir dese momento o sistema público faríase cargo do meu seguimento, así que me acheguei ao HULA e solicitei unha cita para revisión con Traumatoloxía. A miña sorpresa foi que rexeitaron darme a cita alegando que no informe do centro do que procedía non especifica que tiña que ter seguimento médico” – relata a paciente ainda abraiada.

A paciente contacta coa Valedora do Pobo, que admite a súa reclamación a trámite.
Ante esta situación de abandono por parte da Administración, a paciente presenta unha reclamación que é desoída .Por iso decide acudir á Valedora do Pobo e presenta unha reclamación con número de expediente I.4.Q. / 4441/ 18. Esta é admitida a trámite porque a súa reclamación reúne os requisitos do artigo 18 da Lei do Valedor do Pobo. Igualmente decide acudir á Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR ) para que lle axude a redactar unha reclamación que se presenta no rexistro o día 5 de xuño de 2018 con número de entrada 2377.
Pero non remata aquí o calvario que ten que sufrir esta paciente . Inmediatamente despóis de que presentar a súa reclamación no rexistro chámana desde o hospital para comunicarlle que a solución ao seu caso era pedirlle á súa médica de familia que “lle fixera un volante para unha primeira consulta de Traumatoloxía “, solución que a paciente rexeita pois o seu problema non é novo, senón que estamos a falar de revisións que lle corresponden por dereito tras a súa intervención e que son responsabilidade do SERGAS. “ A partir de aquí o trato foi de todo menos amistoso”- cóntanos nervosa e indignada. Con posterioridade é de novo chamada pola administración para informala de que lle deran unha cita de control e seguimento do seu proceso cirúxico no Servizo de Traumatoloxía do HULA o vindeiro 22 de Xuño.
A Plataforma Sanitaria esixe que a Xerencia se desculpe públicamente con esta paciente por todas as molestias que se lle causaron e celebra que remate o sufrimento desta muller que estaba desesperada ante a situación que se lle presentaba, pois ela accedeu a operarse na privada “sen sospeitar que ía ser víctima do abandono por parte do propio sistema , ao deixala á súa sorte sen ter dereito ao seguimento por parte do centro no que se operou nin tampouco no sistema público que a derivou”- comentan . Máis de novo os integrantes da Plataforma lamentan que se siga a xestionar a atención sanitaria pública a golpe de denuncias e ameazas . “ Sinxelamente vergoñento e ao noso entender constitúe corrupción sanitaria”- conclúe o portavoz da Plataforma.

Exit mobile version