Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG Saúde denuncia que o Hospital da Mariña non contará con resonancia fixa

Burela, a 18 de xuño de 2018. A CIG-Saúde exise do SERGAS que rectifique na súa decisión e dote o Hospital da Mariña dunha Resonancia Magnética Nuclear fixa que permita ofrecer aos e ás doentes un diagnóstico precoz, acurtar os tempos de agarda e frear as derivacións que se están a producir a centros privados da provincia para realizar unhas probas que terían que facerse na Mariña.
A resonancia magnética é unha ferramenta insubstituíble, segura e indolora na cal se utiliza un campo magnético e ondas de radio para obter imaxes detalladas dos órganos e as estruturas do corpo. Utilízanse para detectar unha gran variedade de afeccións: os problemas cerebrais, da medula espinal, o esqueleto, o tórax, os pulmóns, o abdome, a pelve, os pulsos, as mans, os nocellos e os pés.

Malia os anuncios propagandistas do PP, no día de onte, o SERGAS confirmou que a pesares da “ampliación” do Hospital da Costa, este NON CONTARÁ cunha RNM fixa e que seguirá tendo soamente unha unidade móbil que acudirá ao centro uns días ao mes.
Ante este novo golpe á sanidade pública da comarca, a CIG-Saúde considera que “xa abonda de mentiras, de afastar a sanidade da xente, de querer converternos en cidadáns e cidadás de segunda, de obrigarnos a sufrir longas listas de espera ou a desprazamentos innecesarios a Lugo para facer negocio coa nosa saúde e así encher o peto de empresas amigas”.
Neste senso, apunta que a falta dunha Resonancia Nuclear Magnética fixa no Hospital da Mariña provoca un aumento das listas de agarda; o incremento das derivacións á medicina privada, concretamente ao centro privado-concertado POLUSA na capital de provincia, alimentando aínda máis con cartos públicos a este centro; e o atraso nos diagnósticos, cando poder contar cun diagnóstico precoz resulta vital para instaurar o tratamento necesario e mellorar o prognóstico da patoloxía.

As promesas baleiras do PP
Dende CIG-Saúda lembran que a creación deste servizo é unha vella promesa do PP, que hoxe se revela como unha mentira máis. Así, o 29/11/2014 o daquela alcalde do PP de Burela, José María González Barcia, aseguraba que pedir unha Resonancia Nuclear Magnética fixa sería oportuno «se non estivese en marcha o proceso de ampliación deste centro hospitalario». Deste xeito daba a entender que coa tan cacarexada ampliación, a veciñanza da Mariña disporía dunha RNM fixa no Hospital da Mariña. O agora Delegado Territorial da Xunta cansouse de repetir que coa ampliación, a comarca contaría con “máis e mellores servizos e que nunca teríamos tantos e mellores servizos como coa ampliación”.
“Historicamente, o PP reiteraba que a falta de espazo era o motivo para non dispor da RNM fixa e agora que dispoñemos de máis espazo tampouco disporemos desta ferramenta diagnóstica radiolóxica. Son estes os “máis e mellores servizos” anunciados polo PP para a sanidade da nosa comarca?”, pregúntanse dende CIG-Saúde A Mariña.

Esperas de máis de oito meses para unha resonancia
Dende a Federación de Saúde da CIG subliñan que as consecuencias da falta de RNM fixa son evidentes e claro exemplo é o caso do doente que foi chamado a facer unha resonancia tras reclamar e ameazar con tomar medidas legais, ao ser citado para o seu diagnóstico en novembro de 2018.
O caso, feito público pola Plataforma Sanitaria da Mariña (da que forma parte esta central sindical) foi o seguinte: un paciente ponse en contacto coa Plataforma porque quere que se lle axude a facer una reclamación en Atención ao Paciente. O home padece de dor, inchazón e tumefacción no antebrazo esquerdo dende o mes de xullo deste ano. Acode ao seu médico de cabeceira, que lle pon un tratamento ao que non responde e por este motivo vai ao Servizo de Urxencias do Hospital da Costa, do cal sae sen diagnóstico e co mesmo tratamento que lle puxeran no centro de saúde. O problema persiste, non mellora en absoluto, derívano a Reumatoloxía e danlle cita para o 7 de novembro do 2017, solicitándolle analítica, resonancia e radiografías, mais cítano para ver os resultados e coñecer o seu diagnóstico e establecer un posible tratamento o día 26 de novembro de 2018, máis dun ano despois da sua consulta de Reumatoloxía.

Por todo isto, o paciente presentou unha reclamación en Atención ao paciente o día 23 de novembro de 2017, solicitando que se lle axilizasen os trámites para diagnosticar e tratar o seu proceso, cualificando de “inadmisible” semellante lista de espera. Na reclamación, que ten o número de rexistro 2727, o usuario conclúe que de non axilizarse os trámites tomará as medidas legais que considere oportunas.
O 28 de novembro, o paciente recibe una chamada telefónica na que lle notifican que vaia ao hospital o día 29 de novembro a realizar a devandita resonancia. Dita resonancia foi mal realizada non sendo valida e a día de hoxe, 18 de xuño de 2018, continúa agardando. É dicir unha espera de 8 meses, polo que segue sen saber o diagnóstico e sen tratamento de ser necesario.

CIG Saúde esixe ao PP que deixe de desprezar e enganar á veciñanza da Mariña e reclama do SERGAS que rectifique na súa decisión e dote o Hospital da Mariña dunha resonancia magnética nuclear fixa.

Exit mobile version