Site icon Crónica3.com A Mariña

CON PÓLVORA E MAGNOLIAS. “Falsas aparencias”

No ano 1945, recen finalizada a II GM, representantes de 50 países xuntáronse en San Francisco na Conferencia das Nacións Unidas sobre Organización Internacional, para redactar a Carta das Nacións Unidas.
Este organismo, e a seu documento fundacional, pretendían encontrar solucións ás controversias ou problemas entre países, e adoptar medidas en relación con cuestións que atinxen a toda a humanidade.
Un obxectivo claro: “preservar ás novas xeracións do flaxelo da Guerra, reafirmar a fe nos dereitos fundamentais do home, crear condicións para manter o respecto aos tratados internacionais, promover o progreso social e elevar o nivel de vida.”
A idea principal era boa, a súa concreción práctica un auténtico despropósito. De aí que dito organismo non foi nunca máis que un cártel, unha xuntanza de países hexemónicos que querían revestir de verniz democrático a súa tiranía.
Deste xeito, nesta liña, creouse o chamado Consello de Seguridade, un organismo dentro da propia organización integrado por 5 membros permanentes -China, Francia, Rusia, Reino Unido e Estados Unidos- que teñen dereito de veto.
E co Consello de Seguridade extinguiuse definitivamente calquera atisbo de aparencia democrática: calquera destes 5 países pode evitar a aprobación dunha resolución tomada por maioría polos 188 estados restantes.
Por iso ninguén debera alarmase polo anuncio do día de onte dos E.E.U.U. de abandonar o Consello de Dereitos Humanos da ONU. Si se pensa de forma sosegada, ¿que máis ten?
O Secretario de Estado dos E.E.U.U., Mike Pompeo, tildou ao Consello de hipócrita e de pobre defensor dos dereitos humanos. A embaixadora americana, antes de marchar, criticou duramente a países como China, Venezuela, Cuba ou a República Decmocrática do Congo, que non respectan os dereitos humanos.
Simultaneamente as autoridades federales norte americanas, co obxecto de frear a inmigración ilegal, separaban a máis de 2.000 nenos migrantes dos seus pais meténdoos en gaiolas.
Ese mesmo día o xefe de estado español e a súa consorte entrevistábanse con Donald Trump e Melania, porque o tempo é inclemente, e hai que atender aos compromisos.
Como peche do esperpéntico relato déixeme por a atención sobre aquelo que me desvela: máis triste que a propia realidade é o feito de que algúns cheguen a pensar que este sistema ten certa lexitimidade, ou que vostede ten algunha capacidade de decisión.
Tan só se trata do vello conto da explotación do home polo home, da gran mentira da democracia.

Exit mobile version