Site icon Crónica3.com A Mariña

“CONCELLO DE FOZ , PECHADO POR ELECCIÓNS”

Como alcalde de Foz sinto dicir que estou decepcionado coa oposición. Síntome traizoado por unha oposición que este xoves demostrou ter pouco cariño ao pobo e demasiada ambición electoral.
Teño que recoñecer que foron tres anos de intenso traballo negociador, cedendo e buscando acordos, conciliando e pactando, sempre en beneficio do pobo; e dou fe de que se notou porque ademais somos un exemplo de goberno en minoría. Pero son tres anos tirados pola borda porque agora hai uns grupos da oposición que están pensando única e exclusivamente nas eleccións do 2019.
Que lle pasou ao BNG de Lorena Seivane que durante estes tres anos, tal e como dixo no debate da investidura, ían estar á altura das cousas importantes de Foz? Por que agora se tiran do barco? Teñen complexos na asemblea escura que move os fíos do Bloque? Un Bloque que inicialmente, durante estes tres anos, foi construtivo e moderno, por que pasa agora a ser o Bloque de sempre, o Bloque pesado e antigo? Por que pasan de ser necesarios e importantes na corporación de Foz a ser a cola do PSOE e da Plataforma na oposición e ser cuarta forza política? A quen lle hai que preguntarlle, á señora Seivane ou ao señor Fanego, por que cambiaron de actitude agora que está rematando a lexislatura?
E que dicir de Foz Plataforma de Futuro, FPF, agora Mareas e Podemos, de independentes do señor Sixto pasan a ser sumisos do PSOE, do señor noexisto. Simplemente FPF decepcionantes.
Remato co PSOE sanchista do señor Cajoto, un descoñecido que manexa desde Sevilla un PSOE descabezado e sen rumbo, mutilado, nas mans da súa ex secretaria e do incombustible señor Moncho Candia.
Amigos e veciños de Foz, estes son os que so seu voto en contra impiden que saia a concesión do novo xeriátrico, son os mesmos que co seu voto en contra impiden que se faga a canceira e que se urbanice a nova rúa de Fonte da Cruz. Estes, os señores da oposición, son os que cos seus votos están bloqueando e impiden que se faga un plan de emprego no verán ou se suplementen os servizos tan necesarios na época estival, e loitan contra o avance turístico do noso concello. Son os mesmos que se negan á compra de instrumentos á Escola de Música e ás subvencións para o club de ximnasia Areoura ou mesmo para a Batukada e Mar Aberto, que estaban sen subvencións e nestes orzamentos si os levaban.
Amigos e veciños de Foz, informámolos de que o PSOE, Foz Plataforma de Futuro e BNG pechan o Concello por eleccións.

Javier Jorge Castiñeira (alcalde de Foz)

Exit mobile version