Site icon Crónica3.com A Mariña

Cultura inviste preto dun millón de euros na rehabilitación da Catedral de Mondoñedo

Mondoñedo, 1 de xuño de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta tarde as obras que o seu departamento está realizando na Catedral de Mondoñedo, cuxo investimento ascende a máis de 929.000 euros en dúas actuacións, cofinanciadas con Fondos Feder. Nestes momentos, os traballos céntranse na restauración da cuberta da basílica e o claustro co fin de solucionar as filtracións de auga provocadas por defectos construtivos e de deseño.
Esta segunda rehabilitación, que mobiliza un orzamento de 649.608,15 €, servirá para reparar a zona dos apoios nas cerchas, así como a substitución completa ou parcial das mesmas. Tamén se eliminará a parte de madeira danada, que se repoñerá mediante pezas de carballo; retirarase a parte da albura afectada polo caruncho nas cerchas, pontóns e durmintes; desmontaranse, acondicionaranse e recolocaranse os pontóns existentes e substituiranse un 25% dos mesmos; e substituirase o sistema de cubrición.
Ademais, no claustro procederase á substitución das ripias e lousas por outras de similares características ás do resto do templo; desmontaranse as cornixas e balaustradas para a súa posterior recuperación; substituiranse os lucernarios e limparase a fachada.
A maiores desta obra en execución, que rematará arredor do mes de agosto, o pasado mes de abril remataron os traballos de restauración da primeira actuación, na casa dos Cóengos, nos que a Consellería investiu preto de 280.000 euros. En concreto, consistiron na consolidación e reforzo dos muros de carga, reposición nas zonas deterioradas e da estrutura da cuberta. Restaurouse tamén o entaboado de madeira, a escaleira e as carpinterías exteriores, ademais de dotar ao edificio de preinstalación eléctrica.
Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.
Apertura do centro de interpretación de San Martiño, en Foz
O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia tamén se trasladou ao conxunto patrimonial de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, co fin de participar nos actos de posta en marcha do centro de interpretación da catedral. Cómpre destacar que a Consellería leva investidos máis de 1,3 millóns de euros na rehabilitación da Casa Reitoral da basílica.

Exit mobile version