Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación, Concello e Veciños recuperan a Festa do Trece de Alfoz, que non se celebraba dende 1987

Lugo, 16 de abril de 2018, A Deputada pola Comarca da Mariña, Mayra García Bermúdez, e o Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, participaron este sábado na Feira anual do trece, que se celebra en dito municipio mariñán. Trátase dunha cita que organiza a Asociación de Veciños San Sebastián de Carballido, e coa que colabora o organismo provincial. García Bermúdez apuntou que “grazas ao traballo da Deputación, do Concello e dos veciños recuperouse unha festa que non se celebraba desde 1987, coa que se trata de impulsar o sector primario da zona, a través do gando e da posta en valor dos produtos autóctonos, o que axudará a xerar riqueza en dito municipio”.

Pola súa banda, Val Díaz, agradeceu a continua colaboración do Executivo Provincial co municipio e tamén a implicación dos veciños, xa que grazas a eles “poderemos consolidar como un evento punteiro para a zona, tal e como acontecía hai 30 anos”.

Ademais de produtos da zona ademais como cereixas e obxectos de artesanía, houbo música tradicional, unha mostra da raza “Can de Palleiro”, cea, baile e outras actividades.
Houbo premios de 150 euros ao gandeiro con maior número de vacas e cabalos e 80 euros ao mellor cabalo de montura, ao mellor cabalo de tiro e á mellor vaca. A festa contou cunha vintena de postos, a maioría gastronómicos: cereixas, froita, xeados, churros, mel, pan, empanadas, doces, queixos ou embutidos, tanto de Galicia como de Cantabria e León. A estes expositores sumáronse outros de roupa, xoguetes de madeira e maquinaria agrícola.
Local social
García Bermúdez a Val Díaz participaron tamén na inauguración do novo local social se San Sebastián de Carballido, financiado con 12.000 euros da Deputación, no que se fixo unha exposición fotográfica. Con estes fondos, rehabilitouse por completo un antigo local e dotouse de servizos para que os máis de 120 veciños que integran esta asociación “teñan un lugar de reunión para facer veciñanza”, explicou a Deputada.

Exit mobile version