Site icon Crónica3.com A Mariña

Educación iniciará na primeira quincena de xullo as obras de rehabilitación enerxética do CEP Loís Tobío de Viveiro, adxudicadas en 345.000 euros

Viveiro, 21 de xuño de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación dará comezo na primeira quincena de xullo ás obras de rehabilitación enerxética do Colexio de Educación Primaria (CEP) Lois Tobío de Viveiro, adxudicadas por un importe de 344.720 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe no centro un encontro co director, Manuel Rodríguez, e outros representantes do equipo directivo para explicarlles as previsións de desenvolvemento dos traballos, que se realizarán principalmente durante o verán para non interferir no desenvolvemento das clases. Tamén participaron a subdirectora de construcións e equipamentos da Consellería, María Jesús López; a xefa territorial da Consellería en Lugo, Mariña Gueimunde, e responsables do proxecto e da empresa adxudicataria (Ángel Jove SA), entre outros.
A actuación, que ten un prazo máximo de execución de dous meses e medio, suporá unha reforma integral (enerxética e funcional) do centro, para dotalo de maior confortabilidade para os usuarios e acadar un aforro nos custes de mantemento derivado dun menor consumo de luz e calefacción.
A intervención, cofinanciada con fondos FEDER, afectará ás fachadas, carpinterías, luminarias e outros elementos das instalacións. Deste xeito acometerase o illamento da fachada exterior, a substitución de ventás das aulas por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro enerxético anual do 35,35%. Tamén se acometerá a reparación e pintado de paramentos interiores.
Balseiro explicou que este é o primeiro centro da Mariña no que se acomete un proxecto de reforma integral dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que a Consellería puxo en marcha en 2016. Na provincia reformáronse con anterioridade outros catro centros, en Cospeito, Guitiriz, Lugo e Baralla, e nos vindeiros meses actuarase noutro de Castro de Rei.

Exit mobile version