Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres terá lugar en Lugo o V Encontro de orquestras da provincia, que protagonizarán as Escolas municipais de música de Xove, Burela, Foz e Mondoñedo

Lugo, 21 de xuño de 2018. Mañá venres, 22 de xuño, ás 18.00 horas terá lugar no auditorio do Conservatorio de Fingoi en Lugo o concerto do V ENCONTRO DE ORQUESTRAS DE LUGO, que dende hai anos vense a celebrar por iniciativa dos centros que posúen este tipo de organizacións como son os municipais de música da Mariña de Lugo.

Segundo explica Xan Carballal “produto da colaboración entre o Conservatorio de Fingoi e as Escolas Municipais de Música de Xove, Burela, Foz, e Mondoñedo xurdiron estes concertos que comezaron a súa andaina na primavera do ano 2010. Froito da boa relación que, dende fai anos existe entre o profesorado das institucións educativo – musicais existentes na Mariña, é polo que nace a idea de levar a cabo actividades conxuntas que poñan en valor o esforzo que veñen a realizar tanto administracións locais, conservatorios, escolas… mediante os equipos docentes e alumnado que día a día fan posible que exista unha educación de calidade no noso país”.

As direccións destas Escolas consideran de vital importancia a realización destas actividades por diversos motivos:
· Dar a coñecer o traballo que se está a levar dentro dos centros educativos, dado que devolver, por medio da cultura, o esforzo que supón para a sociedade o patrocinio desta educación.
· O proxecto orquestral que se presenta busca ser un complemento na formación musical e persoal de cada alumno, desenvolvendo as súas habilidades sociais, cognitivas e emocionais a través da música dun xeito lúdico e divertido.
· Os alumnos de cada centro coñecen e relaciónanse con outros alumnos da comarca e aprenden a traballar en grupo, exercitando a responsabilidade da preparación individual, a súa disciplina, comprensión musical, audición harmónica e afinación do propio instrumento, empatía, solidariedade e cooperación cos compañeiros como tamén o sacrificio por un traballo ben realizado e a súa recompensa final.

Carballal engade que “o repertorio deste encontro comprende obras tanto clásicas como de carácter popular”.

Exit mobile version