Site icon Crónica3.com A Mariña

Galería Terra Branca, de Ribadeo, entregou varios premios do Xogo das Zocas, que botou a andar o pasado mes de marzo

Ribadeo, 20 de xuño de 2018. A galería de arte Terra Branca, de Ribadeo, entregou premios correspondentes ao Xogo das Zocas que convocou o pasado mes de marzo. A iniciativa, denominada As cinco marabillas do Val e levada adiante xunto co zoqueiro Alberto Geada, tiña o obxectivo de promocionar a zona interior da Mariña na comarca do Valadouro.
Os gañadores foron: Pedro Rolle, camiñante que atopou as zocas da fervenza de Escouridal e do Prado das Chantas; e os camiñantes Mario, Lucía e Oliver, de Alfoz, que atoparon a zoca do Pau da Vella. Os premiados recibiron como agasallos unha figura de cerámica, un reloxio exclusivo de Terra Branca e unha lámina, que lles foron entregadas por José Ramón Leal, propietario da galería.
Para conseguir os premios había que localizar as pequenas zocas que estaban escondidas na contorna das cinco marabillas do Val do Ouro: o castelo de Castrodouro, a fervenza de Escouridal, o dolmen do Prado das Chantas, a cruz do Pau da Vella e Finca Galea. Do total das cinco zocas repartidas por eses puntos foron localizadas tres.
Os que quixeran atopar as zocas podían seguir as pistas no vídeo elaborado para a ocasión por Terra Branca Producións coa dirección de Terra Branca e o Museo das Zocas. Esta montaxe audiovisual conseguiu o premio á Mellor Película feita no val no primeiro Concurso de Curtas de Alfoz e Valadouro celebrado recentemente.

Exit mobile version