Site icon Crónica3.com A Mariña

“Hai 2 anos que se asinou o contrato para facer a RPT e os empregados do Concello seguen sen ela”, advirten os populares de Burela

Burela, 21 de xuño de 2018.- O Grupo Municipal Popular burelés denuncia outro incumprimento do alcalde, e que fai referencia á Relación de Postos de Traballo (RPT), que, se está elaborada, “está durmindo o sono dos xustos nalgún caixón”, pois hai dous anos o rexedor asinou coa empresa redactora o correspondente contrato, anunciando que en seis meses o documento estaría aprobado.
“O certo é, afirman os populares, que, a día de hoxe, nada se sabe da RPT; un documento que serve para fixar o organigrama dos empregados municipais, as funcións dos mesmos e as súas retribucións”, especifican.
Neste senso, indican que, deste xeito, segue en vigor a RPT elaborada e aprobada polo goberno do PP en 2006; “RPT que foi criticada reiteradamente polos socialistas, pero que como se ve son incapaces de poñer riba da mesa sindical outro documento, para ben ou para mal”; o que demostra, aseguran, que o alcalde “minte e engana cada vez que anuncia algo, porque incumpre sempre. Pasa coa RPT, pero tamén pasa co regulamento e cambio de ubicación do mercado (anunciado hai dous anos), co plan de tráfico (anunciado en novembro de 2015), coa peonalización de certas rúas (anunciada hai dez meses), coa ordenanza das terrazas, etc.”.
O socialista, “bandea segundo vén o vento”
Dende o Grupo Municipal consideran que “a única política que coñece o alcalde é a política xestual”. “Para el non importan nin os proxectos de futuro interesantes para Burela, visto que non ten ningún, nin os compromisos que anuncia. Polo tanto, entendemos que a palabra do socialista non ten ningún valor. Bandea segundo vén o vento”, destacan.

Exit mobile version