Un gran ano
O Pescados Rubén Burela FS pechou 2017-18 cun gran ano, co primeiro título de Copa Galicia Masculina e a disputa de play off. “Gustaríame agradecer o labor que fixo todo o cadro do ano pasado, de vir dun descenso, de querer facer un cambio, cun gran compromiso, de conseguir ilusionar de novo a xente en tan poucos meses. Foi un labor de todos os xogadores, tanto dos que quedan como dos que xa non seguen. En todo equipo sempre se dá esta situación de altas e baixas, son decisións ás veces complicadas, pero hai que tomalas” mostraba a súa gratitude Juanma Marrube para todo o vestiario.
Novidades
Ás renovacións de Matamoros, Hélder e Pope, xunto á continuidade de Renato, súmanse as chegadas do peche Lucho e o ala Vargas, procedentes do Levante UD, ademais do ala Juanfran, do Segovia. “O perfil é dun xogador que vén de estar disputando minutos en Primeira División, xogadores novos, pero tamén con experiencia, sumado a un pouco máis de veteranía, no caso de Lucho. O perfil de Juanfran e Vargas é moi similar a Pope, Renato ou Hélder. Ese equilibrio que nos deron este ano sérvenos para seguir afianzando a proposta de fichar este tipo de xogador” falaba así das novas caras laranxas o técnico.
“A idea é seguir coa mesma forma de traballar, coa mesma metodoloxía, facilitándolles aos novos xogadores a integración no cadro o máximo posible. O reto é asentar as novidades sobre a base do traballo xa feito, da tempada pasada. Hai contactos con xogadores e negociacións avanzadas pero aínda non hai nada pechado” concluía o Mariskal facendo referencia ao cadro definitivo de 2018-19, que volverá ao traballo a comezos de agosto.