A responsable do deporte galego felicitou a todos os equipos presentes polo traballo e polos resultados acadados e dirixiuse aos directivos dos clubs para felicitalos tamén pola súa xestión. Nas súas verbas, Míguez dixo crer no “tecido asociativo que cada ano medra en cantidade e calidade e que presta un servizo fundamental á sociedade facéndolle accesible o deporte e a competición”.
En termos absolutos, desde que o Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia botou a andar na tempada 2009-2010 a Xunta leva consignados a este aspecto preto de 20 millóns de euros. Neste sentido, a a secretaria xeral agradeceu a ABANCA “o seu esforzo e a súa aposta decidida polo deporte galego”.
Ao fío desta idea, a secretaria xeral identificou o deporte como “unha fórmula xeradora de negocio polo seu enorme retorno, notoriedade e boa imaxe”, cualidades extensivas ás empresas que o apoian, engadiu. Por todo iso, dixo Marta Míguez, “o deporte como produto de consumo constitúe un obxecto económico moi atractivo no mercado de bens e servizos” e supón maior visibilidade e importantes oportunidades de comercialización e vantaxes competitivas. “Apoiar ao deporte é sempre un investimento”, apuntou. Así, Marta Míguez fixo un chamamento a todas aquelas entidades privadas para que, como ABANCA, “se sumen a este compromiso de patrocinio do deporte galego porque só se pode gañar apostando polos mellores expoñentes”.
Pola súa parte, o director territorial de ABANCA en Lugo, Walter Álvarez, destacou que este programa “é xa un pacto transversal polo tecido socio-deportivo de Galicia e polo deporte de base”. Este plan de patronicio encaixa coa filosofía de traballo da entidade financeira e o seu apoio á transmisión de valores vitais a través do deporte. De maneira adicional, permite a ABANCA comprometerse “coa sostibilidade económica de 19 clubs do ámbito da provincia de Lugo para que os nosos deportistas de hoxe e de mañá poidan centrarse nas súas competicións”, engadiu Álvarez.
Os 29 equipos de Santiago e a súa área -8 máis que no exercicio pasado- que presentaron hoxe os seus convenios de patrocinio suman un investimento total de 301.003,11 euros, o 12,4% do orzamento total do plan, e foron: o C.D. Burela Fútbol Sala (feminino e masculino), Club Peluquería Mixta Friol, Club Baloncesto Breogán S.A.D., Club Porta XI C.B., Club Triatlón Cidade de Lugo Fluvial (dúatlon e tríatlon masculino e feminino), Asociación Deportiva Tripenta Terras de Lugo (masculino e feminino), Prone Lugo Asociación Deportiva, Club de Hockey Femenino Meigas, Club Patíns Lóstregos Lucus, Club Fluvial de Lugo (masculino e feminino), Club Piragüismo Ciudad de Lugo, Club Emevé (masculino e feminino), e o Racing Club Villalbés.