Site icon Crónica3.com A Mariña

No pleno deste xoves no Valadouro aprobouse por unanimidade a proposta presentada polo Tenente Alcalde Eduardo Chao pola que instarán á Xunta a dotar de servizo de pediatría aos Concellos de Alfoz e o Valadouro

O Valadouro, 22 de xuño 2018. No pleno celebrado onte no concello do Valadouro, todos os grupos apoiaron a proposta presentada polo portavoz do BNG Eduardo Chao, na que se instaba á Consellería de Sanidade a recuperar o servizo de pediatría nos concellos de Valadouro e Alfoz. En consecuencia tamén co acordado no pleno, os gobernos municipais de Valadouro e Alfoz solicitarán unha reunión na Consellería de Sanidade para abordar esta problemática de xeito inmediato.

Unha vella reivindicación que a Xunta tén que atender

Hai anos que se está demandando para O Valadouro e Alfoz este servizo de pediatría, sen que desde a Consellería se artellara algunha solución, e tendo que desprazárense a s familias coas súas crianzas a Foz, donde o servizo de pediatría tamén está saturado e sobrepasado. Neste sentido desde o BNG recordan que xa en marzo de 2014 aprobouse tamén por unanimidade outra moción do seu grupo demandando este servizo. “Desde a Consellería terán que recibirnos e tomarnos en serio. Non podemos consentir que sigan ignorándonos, pois esta é unha loita de toda a veciñanza dos dous concellos do Val, e xunto con eles chegaremos ata donde faga falta” manifestou Eduardo Chao.
A respecto das mobilizacións veciñais, Eduardo Chao destacou a importancia que estas teñen “para conquerir o obxectivo que todas e todos perseguimos, que non é outro que conseguir unha sanidade de proximidade, especialmente a que afecta á poboación infantil” e salientou o traballo realizado por nais e pais, e polas Anpas, que conseguiron perto de 2.000 sinaturas.
Referiuse tamén á unanimidade existente no pleno e instou ao Partido Popular local a defender os intereses do concello por enriba dos intereses partidarios nas futuras xestións coa Consellería que leven a cabo os gobernos do Valadouro e Alfoz.

Exit mobile version