Foz, 29 de xuño de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, amosa a satisfacción do equipo de goberno pola aprobación do orzamento municipal deste ano, no pleno celebrado onte. O rexedor explica que a rolda de negociacións individuais cos grupos da oposición deron o seu froito, especialmente con FPF, a pesar dos intentos de PSOE e BNG de bloquear o Concello. Segundo Castiñeira, isto permite ter un Plan Verán, facer obras importantes e sacar adiante o regulamento para a residencia de maiores.
Castiñeira manifesta: “desde o equipo de goberno queremos mostrar a nosa satisfacción polo resultado do pleno de onte. A verdade é que as novas roldas de negociacións que se fixeron de forma particular deron o seu froito, especialmente co grupo Foz Plataforma de Futuro. Vese por outro lado o intento de bloqueo, tanto de Partido Socialista como de BNG, de temas importantes, como o orzamento e o plan económico financeiro, fundamentais para sacar adiante a residencia de maiores. Pero quedámonos co positivo, con ese pacto importante entre Foz Plataforma de Futuro e o Partido Popular co único obxectivo de sacar adiante a residencia de maiores, para o era necesario e fundamental aprobar os orzamentos municipais. É un acordo de mínimos pero que nos vai permitir ademais ter un plan de emprego para o verán , tamén o Plan Verán e unha serie de obras importantes que estaban xa comprometidas, como o arranxo da urbanización da Fonte da Cruz, a mellora da traída de auga de Mañente e o arranxo da estrada de Pedrido a Nois, entre outras moitas cousas. Ademais aprobouse o plan económico financeiro para poder sacar adiante tanto o regulamento da residencia como o plan de xestión municipal”.
O alcalde di: “estamos contentos. Dámoslle os parabéns tamén ao grupo Foz Plataforma de Futuro, que estivo á altura e fixemos un alarde de negociación e de entendemento. A verdade é que este acordo vai ser moi positivo para todos”.
Javier Castiñeira lamenta “a actitude do Partido Socialista e, sobre todo, o cambio de rumbo e de senso do BNG, moito máis agresivo e sen aportar unha soa idea para todos estes asuntos”.
O rexedor subliña que “é un paso adiante sobre todo para que poidamos sacar os pregos xa definitivos do concurso da residencia, publicalos e facer un concurso aberto, cristalino e con concorrencia, para que en poucos meses poidamos ter a residencia xa funcionando”.