Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz lamenta que BNG e PSOE non aprobasen a primeira certificación da obra na Rúa Álvaro Cunqueiro porque tratan de impedir que se remate

Foz, 29 de xuño de 2018. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, lamenta que no pleno de onte non se aprobase a primeira certificación da obra na rúa Álvaro Cunqueiro a pesar dos informes favorables dos técnicos municipais. Para o rexedor “con esta decisión os grupos da oposición tratan de impedir que se remate esta obra, o que prexudica aos residentes e comerciantes desa rúa e aos focenses en xeral”.
Javier Castiñeira manifestou: “desde o equipo de goberno lamentamos que no pleno de onte, por petición do BNG, quedase encima da mesa a primeira certificación da obra na rúa Álvaro Cunqueiro. É unha certificación que estaba informada favorablemente polos técnicos municipais e pola dirección de obra, que é necesaria para que as obras sigan funcionando como están a día de hoxe, moito máis avanzadas do que estaba previsto”.
O rexedor subliña que “é un paso atrás; entendemos que pode haber discrepancias, pero quen verdadeiramente informa son os técnicos municipais e deron a súa aprobación. É incrible que non podan entender que un tubo de 400 foi substituído por dous de 315, o que supón moita maior capacidade; e que xente como o portavoz do Partido Socialista, que anda en obras, non sexa capaz de ver que dous tubos de 315 son maiores que un de 400. Pero válelles calquera cousa para impedir que se faga esta obra, para que siga co seu devir natural, e tratando de poñer pedras neste camiño”.
Castiñeira entende que “a xente así o valorará. É un paso atrás, esperemos que a empresa o tome da mellor das maneiras posibles. Haberá que convocar a comisión de seguimento novamente. Esperemos que esta vez si concorran a esa comisión BNG e Partido Socialista, que á última á que foron convocados non asistiron. Estes señores están dispostos a poñerlle obstáculos a esta obra, que lles molesta, e desde o equipo de goberno lamentamos esa actitude porque ao final quen van saír prexudicados son os veciños e comerciantes desta rúa e en xeral todos os veciños de Foz porque é unha obra moi positiva para o noso pobo”.

Exit mobile version